Posta en valor das covas que valían de adegas en Valdeorras

A Deputación de Ourense e a Ruta do Viño impulsan unha alianza pola que se destinarán dúas achegas de 30.000 euros
Viticultura
Luis Montero
Sánchez, esquerda, Baltar, Rodríguez e Núñez, no encontro.

A Deputación de Ourense e a Ruta do Viño de Valdeorras colaborarán na posta en valor das covas da comarca que antigamente funcionaban como adegas tradicionais, sendo a única denominación de orixe de Galicia en utilizar espazos escavados na terra para este tipo de produción.

O presidente provincial, Manuel Baltar, e o máximo representante da Ruta do Viño valdeorresa, Joaquín Sánchez, mantiveron unha reunión na que referendaron “unha alianza baseada no serio traballo que está a facer este sector e ao que temos que achegar a forza económica da Deputación e o músculo do Inorde”, explicou Baltar.

Valdeorras é unha denominación clave entre as catro áreas de produción da provincia con selo de calidade e entre as cinco existentes na comunidade galega, “coa que colaboramos desde hai anos porque cremos que non só desde o punto de vista enolóxico, senón tamén turístico, ten un peso importante de seu”, segundo indicou o presidente provincial. A deputación, lembrou, forma parte desta ruta do viño “como tamén das outras existentes na provincia, polo que fixemos un esforzo importante nos últimos anos para dotalas cunha achega económica que permita que os seus gastos de funcionamento e proxectos vaian adiante”.

Nesta liña, Manuel Baltar invitou ao presidente da Ruta do Viño de Valdeorras a coñecer aqueles proxectos nos que está a traballar a deputación, a través do Inorde, e que poden ser do seu interese, “como tamén hai plans que promove a ruta e que baixo o amparo do goberno provincial poden ter máis potencial”, segundo engadiu.

Durante o encontro que mantivo co presidente provincial, Joaquín Sánchez estivo acompañado pola vicepresidenta desta ruta, Montserrat Rodríguez, e pola técnica Cristina Núñez.

Sánchez agradeceu a colaboración da deputación, que se concretará en senllas achegas de 30.000 euros nas anualidades de 2022 e 2023 para financiar gastos de funcionamento e proxectos.