do CPEIG para Cidade das TIC

O estudio, que se situará na Fábrica de Armas da Coruña, está impulsado pola UDC, o Clúster e as administracións
Nuevas Tecnologías
Inés Álvarez
Interior da fábrica de Armas, onde se desenvolverá o proxecto Cidade das TIC. Foto: E.F.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) outorga o premio Grandes Proxectos TIC da 12 Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia á Cidade das TIC, proxecto liderado pola Universidade da Coruña (UDC) e o Clúster TIC de Galicia, coa colaboración do Goberno central, Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e Concello da Coruña.

Os premios da Noite corresponden a dez categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática. A gala celebrarase o 30 de outubro no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago de Compostela.

Segundo explicou a Xunta de Goberno do CPEIG, esta distinción premia concretamente a iniciativa, pero asegura que é satisfactorio ver como distintas administracións, de distintos ámbitos, se poñen de acordo nun proxecto de país, que demostra a importancia que cobran as TIC nos nosos días. O presidente do Colexio profesional, Fernando Suárez, lembrou que xa no seu discurso institucional da Noite de 2019 facía referencia a que “esta unión é a única forma de avanzar, colaborando para ser máis fortes, aproveitando sinerxías e compartindo información e recursos”.

Nesta liña, Fernando Suárez asegurou que os enxeñeiros en informática comparten a profesión máis social que existe, porque están obrigados a entenderse con expertos de todos os ámbitos. “Fuximos das actitudes excluíntes doutros colectivos e apostamos pola unión, da que a Noite é referencia e que se ve levada ao seu máximo expoñente neste premio” –destacou–.

O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, subliñou que na ecuación da sociedade da información, a tecnoloxía é tan só un compoñente, o outro, e sen dúbida o máis importante, son as persoas, e recalca que o futuro non é un asunto unicamente tecnolóxico, tamén é “cuestión de actitude e de talento”, de curiosidade, de vocación por probalo todo, de inquietude e de ganas de mellorar.

COÑECEMENTO E IDEAS. A economía actual baséase principalmente no coñecemento e as ideas, recursos que son renovables e ao alcance de todos. O presidente explicou que na sociedade actual “cantas máis persoas saiban algo, mellor formados e educados estaremos todos e máis produtivos nos volveremos”, o que finalmente será mellor para todos.

“A filosofía da Cidade das TIC céntrase na economía do coñecemento, onde os recursos máis importantes son as persoas e o talento, que podemos educar e atraer ao noso país para crecer máis, crear mellores postos de traballo e unha mellor calidade de vida para todos” , indicou o presidente do CPEIG.

A Cidade das TIC será un espazo de encontro entre empresas e Universidade, de instalación de start-ups tecnolóxicas e un punto de apoio para o investimento tecnolóxico en Galicia.

Trátase dun proxecto ambicioso, sustentado pola puxanza do sector TIC galego e o seu alto crecemento nos últimos anos. A Cidade das TIC pretende converterse nun dos centros neurálxicos da innovación e o negocio tecnolóxico en Galicia, a través dun modelo que permita a todos os axentes implicados compartir experiencias e know-how empresarial das compañías socias e os seus partners, sempre co apoio do ecosistema de investigación da UDC e do sistema universitario galego en xeral, constituíndo un escaparate único para a tecnoloxía made in Galicia.

O pasado 18 de febreiro asinouse a cesión da Fábrica de Armas, situada no barrio coruñés de Pedralonga, entre o Ministerio de Defensa e a UDC. Este convenio permitirá reconverter a Fábrica de Armas nun polo tecnolóxico único en Galicia.

E o pasado xoves, 25 de xuño, aprobouse no Consello da Xunta, unha achega de 4,82 millóns de euros ao ao proxecto do primeiro dos edificios da Cidade das TIC, o Centro de Fabricación Avanzada, que entrará en funcionamento nun prazo de dous anos logo de que o Concello da Coruña habilite e urbanice os accesos.

Segundo datos do Clúster TIC, o 55 por cento de todos os empregos xerados polo sector das novas tecnoloxías proceden da provincia da Coruña, e a súa maior parte da área metropolitana da Coruña –A Coruña, Abegondo, Arteixo, Cambre, Carral, Culleredo, Sada e Oleiros–, onde hai situadas actualmente 505 firmas vinculadas á nova economía, que suman máis de 7.700 empregos e unha facturación conxunta de 1.097.105.597 euros.