Premio Raíña Lupa para a autora Andrea Maceiras

Literatura Infantil
Redacción ECG

A Coruña. O xurado do XV Premio Raíña Lupa da área de Cultura da Deputación da Coruña decidiu conceder o galardón á obra Que se me pare o corazón se te esquezo da escritora Andrea Maceiras. O xurado valorou, entre outras cousas, o tratamento literario dun tema tan actual como as redes sociais.

Segundo explica o xurado, a obra Que se me pare o corazón se te esquezo, presentada baixo o lema “Plenilunio” aborda “un tema de plena actualidade como é o uso das RRSS, especialmente dos vídeo-blogs, mais tratado dun xeito non moralizante”. A obra, como engaden, “expón situacións duras sempre fuxindo da forma panfletaria”.

Outro dos valores que destacan da novela de Andrea Maceiras é que a acción atrapa o lectorado desde a primeira secuencia e agarra ata o final cunha historia en que son de especial interese as distintas relacións exposts e os afectos vividos polos personaxes.

Ademais, destacan que presenta un bo manexo da linguaxe, que conecta co xeito de sentir e vivir de adolescentes cunha gama diversa de personaxes que facilita a identificación cos mesmos.

Considera tamén o xurado que se trata dunha obra que é necesario incorporar ao sistema literario, que normaliza o uso da lingua galega nas redes.

A escritora Andrea Maceiras fora xa finalista en 2017 do Premio Raíña Lupa pola obra O que sei do silencio . Na actualidade, a autora compaxina a súa labor como docente de secundaria coa súa vocación de literaria. Redacción