Presentación dos carteis de OUFF en Curto e Fas Muvis

O presidente da Deputación resaltou que estas dúas seccións son parte do impulso que dende o festival se lle quere dar á mocidade
Cine
Flora Touzón
Pola esquerda, Aurelio Goìmez Villar, Manuel Baltar e Miguel Anxo Fernández. Foto: D.O.

Tras dar a coñecer o cartel oficial do 25 aniversario do OUFF, deseñado polo pintor de Celanova Baldomero Moreiras, o Festival de Cine de Ourense presentou os carteis das outras dúas seccións competitivas que forman parte do certame: OUFF en Curto e Fas Muvis. Trátase das dúas categorías estrela do certame, xunto coa Sección Oficial.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar sinalou que ambas seccións “xa están consolidadas dentro da programación deste certame”. Pola súa parte, o OUFF en Curto é “unha mostra máis da aposta deste goberno provincial a prol do audiovisual galego que vén a reafirmar o noso compromiso con este sector”, mentres que Fas Muvis é “unha iniciativa innovadora que logra reunir en cada edición traballos moi interesantes”, salientou Baltar.

“Estas seccións son parte do impulso que dende o OUFF se lle quere dar á mocidade, potenciando o audiovisual entre os máis novos deste sector. Un compromiso cos novos creadores galegos que se mantén desde as últimas edicións e que se quere potenciar de cara o futuro”, engadiu o presidente da Deputación de Ourense.

A sección OUFF en Curto, coordinada por Miguel Grandío xunto con Laura Guizán, traerá ata Ourense o mellor do panorama galego de curtametraxes. “Aínda que este ano, por mor da situación sanitaria, o número de curtas participantes foi lixeiramente menor, cabe destacar igualmente o alto interese xerado polo certame, así como a variedade nas obras presentadas que xa é un dos sinais de identidade do OUFF en Curto”, afirmaron os coordinadores. O público ourensán e galego poderá gozar da alta calidade das curtas seleccionadas de balde e en pantalla grande, agrupadas en tres bloques.

O cartel de OUFF en Curto conta cun estilo cubista e é obra de Nuria Grandío, que xoga coas formas, o xeometrismo e a independencia dos planos.

O Fas Muvis, concurso para rodar unha peza audiovisual na cidade de Ourense nun prazo de 48 horas tamén estrea cartel. Paulino Pérez e Enzo Sarmiento son os encargados de coordinalo un ano máis. Recibiron máis de 20 propostas, procedentes de toda Galicia e con grandes ideas, das que se escolleron aos seis equipos que participarán nesta edición de 2020.

No cartel de Fas Muvis, a Ponte Romana de Ourense érguese como protagonista desta peza de autoría compartida: a fotografía é de Enzo Sarmiento e o deseño de Tania Sueiro.

A inspiración xurdiu de empregar as pontes, un monumento característico da cidade de Ourense, como nexo de unión entre a canteira audiovisual que está comezando, e participa no concurso, cos profesionais que xa se están a facer un oco dentro do sector e aqueles xa consagrados.