Presentan novas edicións de tres libros do mestre Xosé Neira Vilas

Son estreas desde a editorial Galaxia en colaboración coa Xunta de Galicia
Literatura
Redacción ECG
LETRAS. No centro, Valentín García, entre outras persoas protagonistas da presentación dos libros. Foto: Ed. Galaxia

Santiago. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este martes na presentación das novas edicións que Editorial Galaxia en colaboración coa Xunta de Galicia elaborou das obras Camiño bretemoso, Remuíño de sombras e De cando o Suso foi carteiro, da autoría de Xosé Neira Vilas, un dos escritores máis sobranceiros do noso país.

Valentín García sinalou que a reedición destas tres obras de Xosé Neira Vilas “é un motivo de alegría para toda a sociedade galega” posto que se trata dun dos autores “máis coñecidos e traducidos das nosas letras, responsable de introducir na lectura na lingua propia de Galicia a varias xeracións de galegos e galegas e mais un dos pioneiros na súa exportación a outros contextos culturais”, abondou. Canda o secretario xeral de Política Lingüística tamén interviñeron no acto, que acolleu o compostelán Pazo de San Roque, Fernando Redondo Neira, presidente da Fundación Neira Vilas, e Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia.

A colección Biblioteca Neira Vilas, inaugurada pola Editorial Galaxia en 2010 en homenaxe ao autor galego polo 50 aniversario da súa obra por excelencia, Memorias dun neno labrego, incorpora agora dous títulos máis: Camiño bretemoso e Remuíño de sombras. O primeiro deles foi publicado por primeira vez en 1967 e xira entorno a un tema que o mestre das letras Neira Vilas coñeceu de primeira man e que converteu nun aspecto clave da súa obra, a emigración. Nesta novela, un vello emigrante vai facendo reconto do seu traxecto vital perante un interlocutor que non intervén mais serve para darlle ao monólogo vivacidade e dramatismo.

Remuíño de sombras presenta, pola súa parte, a imaxe colectiva da comunidade galega en Bos Aires. Dedicado á cativada, completa esta triloxía de títulos o libro De cando o Suso foi carteiro, acompañado das ilustracións de Kristina Sabait. redacción