Profesionais da cultura demandan leis de contratos e subvencións adaptadas ao sector
Foron Isabel Novo, letrada da consellaría de Cultura, e Juan Bautista, interventor adxunto da Deputación da Coruña, os que puxeron enriba da mesa as ferramentas necesarias no marco desta relación complicada entre o dereito e a cultura. Novo asegurou que “facemos enxeñería xurídica porque ningunha normativa está adaptada á realidade cultural”. Sobre as subvencións concretas falaron Miguel Martín, exdirector do IGAEM/AGADIC e da área de Cultura do Concello da Coruña que afirmou que “o sector da cultura non pode traballar pensando na administración, senón nos públicos”. E tamén Xavier Marcé, exdirector do ICIC e actual concelleiro de cultura do concello de Barcelona afirmou que “o problema da política cultural é o marco administrativo pero tamén que os políticos non saben definir ben as súas necesidades de xestión para adaptar o marco cultural”.
As mesas sectoriais, a COVID e os concellos
Nas intervencións quedou de manifesto que a reforma legal é especialmente necesaria neste momento, en plena saída dunha pandemia que cómpre incentivar o consumo cultural. Carlos Amoedo centrou o foco do debate na reformulación das ordenanzas e dos regulamentos municipais, que definiu como principal trincheira do campo da batalla. Ademais, engadiu que a idea é que haxa unha reforma legal pero cunha segunda premisa, común a todos os sectores culturais, “protexer os sectores culturais que crean cultura propia e de proximidade”. As mesas sectoriais atenderon as especificidades dos grandes sectores culturais. En primeiro lugar foi o do “Libro e edición”, mesa que contou coa participación de Isabel Blanco, directora da Rede de Bibliotecas Municipais do Concello da Coruña que explicou a política de compras de publicacións; e de Henrique Alvarellos, escritor, editor e presidente da Asociación Galega de Editora.
A segunda das mesas abordou a situación do audiovisual con Susana de la Sierra, profesora titular da Universidad de Castilla La Mancha e exdirectora do ICAA, que abordou a complexidade do cine. “O cinema é cultura, pero tamén economía, turismo e tamén actividade de lecer que perfila unha realidade complexa e que ten implicacións xurídicas” afirmou. Ao mesmo tempo advertiu que o procedemento administrativo debe ser flexible pero tamén que se deben entender como unha garantía de xestión de cartos públicos. De la Sierra, apuntou varias ideas claves como que o ministerio de cultura ten que ser independente doutras carteiras, que cómpre unha gran planificación, a necesidade da dixitalización na tramitación de proxectos e a importancia da creación dunha axencia para a xestión das competencia da materia. Completaron o panorama Manuel González, exdirector da Axencia Audiovisual Galega, e Felipe Lage, produtor audiovisual e presidente de AGAPI.
Pechou o programa Belén Bermejo, doutora en Dereito e xestora cultural, e Emi Candal, directora de Urdime e portavoz da Sectorial de Cultura de Espazocoop, que falaron da situación das artes ao vivo. REDACCIÓN.