Programa para fomentar entre os maiores de 60 o exercicio físico

A Xunta tenta extender ‘Adestra a túa saúde’ a toda Galicia trala experiencia
en Arteixo e Abegondo// Pretende mellorar a calidade de vida dese colectivo
Alimentación saludable
fernando rúaSantiago
Algúns dos alumnos que participaron onte na actividade no CSHG. Foto: ECG

A Xunta de Galicia vén de poñer en marcha o programa piloto Adestra a túa saúde nos servizos de atención primaria dos concellos de Arteixo e Abegondo. A Consellería de Sanidade e a Secretaría xeral para o Deporte promoven de forma conxunta este plan para a prescrición de exercicio físico desde o ámbito sanitario e o seu seguimento desde o eido comunitario.

Dirixido, principalmente, ás persoas maiores de 60 anos, sas ou con factores de risco cardiovascular –padecer diabetes, hipertensión, dislipemia, obesidade, sobrepreso ou sedentarismo-, Adestra a túa saúde pretende mellorar a calidade de vida e afondar na prevención da fraxilidade destas persoas, a través da práctica de exercicio.

Este programa alíñase coa estratexia de promoción da saúde e prevención do Sistema Nacional de Salud, o plan galego de atención primaria e a Estratexia galega para a atención a persoas en situación de cronicidade.

O promotor, figura clave. Con motivo do Día Mundial da Obesidade, a directora xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Carmen Durán; o director xerente da Fundación Deporte Galego, Iván Clavel, e o xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde; reuníronse onte, co alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, para comprobar a súa posta en marcha. Na reunión estivo presente, tamén, o técnico municipal de deportes, peza clave no desenvolvemento de dito programa.

Tal e como explicaron, son os profesionais sanitarios do centro de saúde –persoal médico, enfermeiro e fisioterapeuta- os que detectan ás persoas destinatarias e as invitan a participan no programa. Se a resposta é afirmativa, remíteselles, entón, a un promotor de exercicio físico do concello, quen será o encargado de avaliar a súa condición física e quen acordará con ela o tipo de exercicio, tendo en conta as recomendacións do persoal sanitario e os servizos dispoñibles no concello.

Un proxecto piloto en dúas fases. Precisamente, Adestra a túa saúde activouse a mediados de febreiro en Arteixo e Abegondo, xa que ambos os dous contan con profesional promotor de exercicio físico, figura fundamental no desenvolvemento deste plan.

A previsión é acadar os 60 usuarios inscritos no programa a mediados deste ano. Tendo en conta o perfil do usuario, o programa está dirixido ás máis de 7.000 persoas maiores de 60 anos que residen nestes dous municipios.

O obxectivo do Goberno galego é adaptar dito programa á realidade de cada un dos concellos de Galicia. Durante este primeiro semestre de 2022, avanzarase na definición do programa, para despois estudar a súa extensión.