PrudenTT, un tatuador de Ourense recorre toda Europa plasmando a súa arte na pel dos seus clientes

“Se decidín emigrar foi basicamente por necesidade, aquí non estaba traballando moito”
Emigración
Alberto Fontán

En primeiro lugar, como comezaches no mundo da tatuaxe?

Ben, eu levo debuxando toda a vida, sempre foi algo que me gustou, ademáis eu levo tatuaxes dende hai moito. Eu empecei a tatuar arredor dos 24 anos, pero xa tiña moito interese neste mundo. Cando rematei a carreira de Historia víame con pouca saída laboral, como a maioría da xente supoño. Entón dixen: vou probar sorte co mundo da tatuaxe, xa que era algo que me interesaba dende antes e gustabame. Comprei a miña primeira máquina, ben, comprouma miña avoa, de feito, e a partir de aí tocou aprender, sufrir e intentar mellorar para poder buscarme un sitio traballando disto.

Parece que tes un estilo un pouco único, un pouco concreto. Como o definirías?

Pois a verdade é que o tema do estilo foi algo fortuíto. Cando empecei a tatuar apenas tiña cartos para poder investir en material, entón gastarme diñeiro en tinta negra era posible, pero investir tamén en cores era bastante complicado. De feito, eu nun primeiro momento quería facer tatuaxe estilo tradicional, que son tatuaxes a cor, pero por isto empecei facelo só en negro. Ademais eu empecei a tatuar só, polo que o único que sabía facer eran liñas e encher en negro, de feito as miñas primeiras tatuaxes eran un desastre, pero fun mellorando e ao final foi algo ao que lle collín o gusto, por iso mantiven ese tipo de debuxo. Ademais coñecín xente que facía cousas parecidas, polo que entendín que era algo bo aínda que aquí en Galicia non fose habitual. A min algo que me influe moito é ter estudado Historia da Arte, porque claro, sempre collín referencias do mundo da pintura, como Matisse, e non do propio mundo dos tatuaxes. Tamén me referencio moito en artistas galegos como Seoane ou Castelao, algo que me diferencia do resto de tatuadores, sobre todo en Alemaña, Francia, etc.

Agora que falas dos países de Europa, por qué decides marchar e non quedar nun estudo aquí en Galicia?

O primeiro foi por necesidade, debido ao estilo que estaba facendo non estaba traballando moito na tenda aquí en Ourense, ademais a miña parella tamén tiña traballos precarios, polo que foi un cúmulo de cousas polas que decidimos emigrar. Nun primeiro momento a marchamos a Suíza, pero andamos moito de ruta tamén por Alemaña. Eu creo que se xuntaron tres cousas, como che digo a necesidade, xa que as cousas non están moi ben aquí para a mocidade, as gañas de probar sorte por aí fóra, pero tamén a miña forma de ser. Eu non me vexo traballando nun estudo todos os días, con ese tipo de rutina. Ademais marchar ofrecíame a posibilidade de traballar co meu estilo, e non ter que adaptarme aos estilos que non me gustan realmente.

Entón, nestas viaxes que contas parece que o teu estilo si que é recoñecido, pero destacarías algún país onde valoren máis o teu traballo, ou que á xente lle guste máis?

A verdade é que, aínda que estiven moito tempo en Suíza, e sigo indo, o meu país favorito é Alemaña, onde a mocidade ten traballos estables e se poden permitir pagar o traballo que eu fago, ademais é un sitio onde a cultura da tatuaxe está moito mais evolucionada, polo que eu sintome moi cómodo. En concreto gustanme as cidades de Hamburgo e Colonia, onde teño moitos amigos e coñezo sitios para comer ben, que tamén é algo importante (entre risas)

Eu penso que, o feito de que a cultura urbana esté mais avanzada que aquí tamén facilita que a visión sobre a tatuaxe sexa máis positiva, e saiban valorar o traballo do artista que non se amolda a un estilo concreto, pero tamén como che digo inflúe moito que a xente nova teña cartos. De feito a maior parte de tatuadores que viaxan fano a Alemaña por todo esto que che comento.

Que cambios observas no mundo da tatuaxe dende que empezaches?

Eu creo que son afortunado porque no meu círculo familiar, de amigos e demais, sempre houbo non só xente que se tatuou, senón respecto ao tema das tatuaxes e comprensión. Entón nunca tiven a alguén próximo que dixera “non te tatúes”, na miña vida. Sei que hai xente que si, igual pois o pai que non lle gusta que se tatúe, ou á nai dálle un desgusto ou o que sexa. No meu caso non foi así, entón si que non noto ese cambio, pero sei que existe, aínda que no meu circulo non pase eu sei que, por exemplo, se quero alugar un local non é o mesmo se vou en manga curta ensinando as tatuaxes que se vou en manga longa tapándoas.

De todos xeitos, en certo sentido creo que quen ten os prexuízos é quen sae perdendo, e non quen está tatuado. Eu agora vou a un local comercial e alguén no me quere alugar ese comercio, pois ben. Igual eu teño unha liquidez para pagar que una persoa sen tatuaxes non ten e igual son eles quenes me perden a min. Igual cos negocios, alguén que non contrata a unha persoa por ter tattoos, estea perdendo porque tranquilamente esa persoa con tatuaxes pode ser o mellor traballador/a da empresa. Entón eso eu si que creo que pode haber xente que o sufra pero creo que irá cambiando como con tantas otras cousas.

Ademais das tatuaxes, tedes unha tenda online con mercadotecnia e láminas moi persoais...

Si, nós traballamos en conxunto, a miña compañeira Lúa mais eu. A maneira de funcionar en canto ás viaxes, a maioría facémolas en coche, que ao final o traballo non so é chegar e tatuar, detrás hai meses de administrar a axenda, falar cos clientes, porque claro é a distancia, entón ti hai moitos clientes que xa coñeces pero hai moitos deles que escriben polo instagram “quero una cita en tal cidade”, e claro, hai todo un proceso no que desde hai uns anos eu xa me vin incapaz de asimilalo todo, porque é un volumen de mensaxes inxente. Entón nese sentido tanto eu como Lúa intentámonos poñer límites porque te podes pasar o día enteiro respondendo mensaxes. Aínda así, estamos todos os días un par de horas respostando as mensaxes. Logo, en canto a como nós sobrevivimos, porque viaxamos un mes e logo igual estamos tres sen viaxar, nós o que facemos é ter o tema da tenda online porque claro, iso o empezamos cando rematou o confinamento forte, en xuño paréceme, sacamos unhas prints (láminas con debuxos), funcionou moi ben e pensamos que podiamos profesionalizarnos e facer as cousas con xeito, e aí foi cando Lúa abíu a tenda online que foi onde sacamos proxectos xa non só meus, senón que deseñamos e colaboramos os dous, de roupa, de láminas, parches, suadoiros, un pouco de todo. Tanto a colección de roupa de self defense, como a de bauhauss que é a colección que agora está exposta no propio museo Bauhaus en Alemaña, esas ideas, mais outras, son todas de Lúa. Si que a execución é gran parte miña porque tamén son eu o que estou máis habituado ao debuxo, pero as ideas son dela, son de Lúa, o que pasa é que nós traballamos aquí, facemos unha tormenta de ideas e van saíndo as cousas, traballo en equipo totalmente. Sempre intento explicalo ben, todo o tema de prendas, practicamente todo xorde das ideas de Lua. A parte do tattoo é mais miña, máis o merchandaising si é tanto miña como de Lua.