Reencontro dos creadores galegos co seu público na nova edición do Culturgal

Román Rodríguez salienta a fortaleza que ten a cultura galega e compromete todo o apoio para retomar o crecemento en 2022
Culturgal
Irene Jiménez
O conselleiro Román Rodríguez, sentado xunto a directora da Cidade de Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo. No centro, de pé, os secretarios xerais Valentín García e Anxo M. Lorenzo, e sentado o director da Agadic, Jacobo Sutil. Foto: Xoan Crespo

Culturgal, a feira das industrias culturais de Galicia, inaugurou onte en Pontevedra a que será a edición do “reencontro” dos creadores co público, un “lugar de confluencia” onde mostrar todo o seu potencial.

Así o destacou o presidente da asociación Culturgal, Víctor López, no acto de inauguración dunha feira que, ata o domingo, acolle a máis dun centenar de empresas culturais e unha “intensa” programación de actividades.

Na súa intervención, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, salientou o compromiso da Xunta , que se reforza como patrocinador principal do evento, para que a cultura galega retome a senda do crecemento en 2022 a través de medidas que completen as levadas a cabo desde o inicio da pandemia e que permitirán manter a programación e o emprego e adaptarse a novos escenarios.

Durante o acto, Román Rodríguez expresou que confía no avance da situación sanitaria para deixar atrás a fase de resistencia e reactivación dos últimos meses.

Referiuse ao investimento de 42 millóns de euros que a Xunta destinou á reactivación do sector cultural ao longo deste ano, así como ás axudas directas e empresas e profesionais, coa posta en marcha de ata tres plans de rescate desde o inicio da pandemia, converténdose na primeira comunidade en contar con el. “Todo este apoio, sumado ao inxente traballo do noso sector cultural deu e segue dando os seus froitos e hoxe a cultura galega mira ao presente e futuro con optimismo”, declarou o conselleiro.

Mellora da situación. Neste sentido, recordou os datos do último informe sobre a conxuntura estatística no ámbito cultural do Consello da Cultura galega que apuntan a unha mellora da situación no sector en clave pospandemia. Rodríguez salientou a creación de novas empresas culturais, que supera os niveis do ano 2019, e os indicios de recuperación do emprego e do consumo cultural aos que alude o estudo como síntoma de avances de futuro.

“Somos unha das catro únicas comunidades que está incrementando a súa masa laboral no ámbito cultural fronte á redución que se aprecia no conxunto de España”, expresou.

Finalmente, salientou que todo este esforzo colectivo vai ter continuidade en 2022 co obxectivo de continuar coa recuperación pero apostar tamén por retomar a senda de crecemento do momento prepandémico.

“Desde a Xunta seguiremos apoiando, ao igual que o fixemos nos peores momentos, ao sector cultural, cun incremento do 6 % nos nosos orzamentos e medidas específicas de apoio que contribúan a manter a programación e xerar emprego, algo que visibilizaremos durante esta edición de Culturgal”, indicou.

Román Rodríguez valorou, ademáis, que a nova edición de Culturgal volva este ano ao seu formato de primar a presenza, a interacción e o intercambio profesional. A Xunta, ademais da súa contribución económica, recupera o seu expositor físico como punto de encontro para o público e programa unha vintena de actividades que se incorporan ao intenso calendario da programación deste evento.

Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacou o papel de Culturgal como o “gran referente” dunha cultura galega que vive, segundo sinalou, un “potente rexurdir”, convertendo a súa creatividade nun “sinal de identidade”.

As actividades. Tras a inauguración de onte, as actividades organizadas pola Xunta de Galicia en Culturgal deron comezo xa pola tarde, cunha presentación a cargo o director das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e mais do Centro Dramático Galego (CDG), Fran Núñez, centrada na xestión da compañía pública durante os meses de pandemia, incidindo no papel dinamizador da escena galega desenvolvido pola unidade teatral da Xunta.

No acto tamén estiveron presentes tamén Cándido Pazó e Marta Pazos, responsables da dirección escénica dos vindeiros espectáculos A peste e Ás oito da tarde, cando morren as nais.