Reflexión no CCG sobre o consumo de series de televisión

O Festival de Filosofía xunta hoxe a relevantes nomes do pensamento e do ámbito cultural para deliberar sobre o concepto de liberdade
Filosofía
Flora TouzónSantiago
Pepe Coira, África Lopez Souto e Sonia Mendez, na súa intervención no Festival de Filosofía

“Pan e circo” é unha expresión latina que describe a práctica dun goberno para manter tranquila á poboación con alimento ou entretemento de baixa calidade. Baixo este título os directores e creadores audiovisuais Pepe Coira e Sonia Méndez, coa moderación de África López, reflexionaron sobre a liberdade na oferta de produtos audiovisuais.

Sonia Méndez afirmou que “a oferta actual televisiva é claramente pan e circo porque non hai liberdade no consumo de produtos televisivos”. Na opinión desta creadora “pensamos que somos libres decidindo o que vemos, pero non o somos xa que os contidos que consumimos están completamente dirixidos. Non existe liberdade”.

Pola súa banda, Pepe Coira completou este panorama asegurando “que a television mudou e abriu moitísimo o abano. Unha serie pode ser opio pero tamén pode ser arte e creo que a diferenza ten máis que ver co público que co propio produto en si”. A conversa serviu para diferenciar entre o punto de vista do creador, onde si existe unha maior liberdade, e o punto de vista do público, onde claramente coincidiron na falta de liberdade.

O festival arrincou cunha reflexión de María Xosé Agra do que significa ser libre. “A liberdade é polémica, contestable, discutible e non podemos falar da liberdade, senón de liberdades” asegurou Maria Xosé Agra. O primeiro día pechouse cun debate co filósofo Brais Arribas a partir dos conceptos e metodoloxías postas en práctica na duración do espectáculo.

A xornada continúa hoxe con dúas mesas redondas. A primeira titúlase Tinder, poliamor e outras formas de amar, moderada pola escritora Inma López Silva, na que participan a escritora e sexóloga Valérie Tasso e o director xeral de Galaxia, Francisco Castro. A segunda mesa falará de fútbol e a avogada laboralista Celia Pereira modera un debate no que participará Lucía Taboada, xornalista, e Rafa Cabeleira, columnista deportivo.

Pola tarde, no auditorio do Museo de Pobo terá lugar Té con Kant de Inversa Teatro. Ao remate, Carme Adán manterá un debate co público.