Rodríguez reafirma o apoio á candidatura da Ribeira Sacra á Unesco

O conselleiro de Cultura participou onte en Sober na XLI Feira do Viño de Amandi
Ribeira Sacra
El Correo Gallego
Román Rodríguez conversa con la cantante Eva Amaral en presidencia del alcalde de la localidad de Sober. Foto: ECG

Sober (Lugo). O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou onte na XLI Feira do Viño de Amandi, na localidade lucense de Sober, desde onde reafirmou o compromiso do Goberno galego coa candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial.

Neste sentido, o titular do departamento de Cultura do Goberno galego lembrou que a decisión estratéxica de aprazar o último paso da presentación da candidatura ao Comité do Patrimonio Mundial da Unesco ten como obxectivo reforzala.

Román Rodríguez explicou que a Xunta de Galicia e o Goberno central van traballar de forma conxunta no reforzo e revisión de aspectos da candidatura. “O noso compromiso continúa intacto e seguimos traballando, con máis forza se cabe ca nestes últimos anos, para protexer e impulsar a Ribeira Sacra”, dixo o conselleiro, destacando o labor realizado ata o momento, “neste camiño cara a inclusión na Lista de Patrimonio da Humanidade.

Eva Amaral, a pregoeira. O titular de Cultura do Goberno galego referiuse tamén ao potencial desta zona “capaz de xerar riqueza a través dos seus produtos” como é o caso do viño de Amandi do que hoxe se celebra o seu día grande nun acto que tivo á artista Eva Amaral como pregoeira de honra.

“Só podemos construír o futuro da nosa Comunidade en harmonía co mellor do noso pasado”, abondou o conselleiro, que aproveitou para agradecer a celebración desta Feira que contribúe ao impulso socioeconómico da Ribeira Sacra a través da cultura, do patrimonio, do turismo e da enogastronomía. ecg