Rosa Mosquera traballará nun proxecto da ONU

Universidade
USC
A catedrática. Na imaxe, Rosa Mosquera. Foto: USC

Universidade. A catedrática da Área de Produción Vexetal da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, María Rosa Mosquera , participa, xunto a outros oito expertos internacionais, no Programa de Traballo Nairobi, relacionado coa agricultura e a seguridade alimentaria da convención de cambio climático da ONU.

O comité de especialistas seleccionado para este equipo ten como obxectivo o desenvolvemento dunha listaxe de prácticas agrícolas apropiadas para favorecer a adaptación dos cultivos, a identificación dos principais actores, cooperativas, agricultores e asociacións implicadas nos procesos produtivos. A determinación das necesidades a satisfacer e o establecemento de sinerxías de traballo que permitan estender estas prácticas acaídas cara a un desenvolvemento sustentable no plano económico, social e medioambiental, así como a posta en marcha de mecanismos de difusión da información necesaria adaptada a nivel local constitúen outro dos cometidos deste comité do Programa Nairobi de Nacións Unidas.

Mosquera participará na elaboración dun documento de traballo para colaborar cos distintos comités da ONU a través do deseño dun catálogo de accións de adaptación para os agricultores e da confección dun manual que permita identificar usuarios finais que poidan usalo. USC