Rosalía, como símbolo de unión e de conexión de Galicia co mundo

O conselleiro de Cultura participou onte na inauguración da praza que leva o nome da autora en Pamplona // Cándido Pazos é o autor da peza que ocupa o espazo principal
María Sánchez
PAMPLONA. Enrique Maya (e.), Mª Jesús Rodríguez, Román Rodríguez e Cándido Pazos

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou onte na inauguración da praza Rosalía de Castro na cidade de Pamplona, unha homenaxe coa que a asociación Lar galego rende homenaxe á autora e á Comunidade galega. O titular do departamento cultural da Xunta destacou esta iniciativa, expresada a través dunha figura que é “moito más ca unha das nosas escritoras máis recoñecidas, un símbolo da nosa cultura e da nosa lingua “. “Rosalía é un símbolo de unión, de conexión de Galicia co mundo”, destacou.

Román Rodríguez resaltou tamén o traballo do escultor galego Cándido Pazos, autor da peza que ocupa o espazo principal da nova praza e que representa a imaxe rosaliana, “que recorda e subliña a irmandade entre Galicia e Navarra”.

O conselleiro quixo tamén salientar o labor de mantemento de vencellos da colectividade galega nesta comunidade, con especial fincapé “no traballo entusiasta que realiza desde os anos 50 a asociación Lar Galego, reivindicando e mantendo vivo ese sentimento tan noso como é a galeguidade”. “Galegos e navarros somos moi afortunados de contar con entidades como esta e o resto de asociacións que conforman a colectividade galega no exterior, que poñedes en valor o orgullo pola vosa terra desde a fraternidade, a irmandade e a colaboración”, dixo.

Rematou agradecendo tamén ao Concello de Pamplona ter aceptado a proposta de Lar galego de dar o nome de Rosalía de Castro a esta praza, “que simboliza o espírito de unión e concordia que se vén fraguando desde hai séculos tamén a través do Camiño de Santiago”.

No acto participaron, ademais do conselleiro, o alcalde de Pamplona, Enrique Maya; a presidenta de Lar Galego, Mª Jesús Rodríguez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García e o escultor Cándido Pazos, entre outras autoridades e de nembros da colectividade galega. Así mesmo, contou coas actuacións musicais do grupo Os Fillos de Breogán.