Saen á luz as xoias do ‘novo’ Sobrado dos Monxes tras os traballos de restauración

Está previsto que a actuación promovida pola Xunta termine a finais de mes// Se mobilizaron 1,5 millóns de euros nas obras
Juan David
Interior dun dos pasos do claustro do mosteiro. Foto: XdeG

Numerosos achados e avances saíron a luz na última actuación promovida pola Xunta de Galicia no Mosteiro de Sobrado dos Monxes e que está a piques de concluír, xa que está previsto que os traballos de conservación e posta en valor finalicen a finais deste mes.

Unha das principais conclusións ás que se chega produto da nova intervención promovida pola Xunta no mosteiro é que gran parte do conxunto estaría policromado. Nestas investigacións saíron á luz numerosos datos novos sobre evolución deste sobranceiro monumento, que forma parte de xeito individual da declaración de Patrimonio Mundial dos Camiños do Norte. As obras supuxeron a mobilización de millón e medio de euros.

A intervención ofrece numerosas descubertas e interpretacións como unha aproximación á dieta consumida por entón no mosteiro. A igrexa estaría parcialmente pintada, sendo a súa policromía orixinal especialmente rica, con tintas vermellas, negras e azuis e, sobre todo, unha profusión de dourados e prateados que permiten contextualizar perfectamente a importancia do Mosteiro e o seu poderío económico.

A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, acometeu este proxecto, tanto na igrexa como no espazo de uso público.

Trátase de potenciar este recurso cultural e turístico, permitíndolle acadar un estado básico de conservación desde o que poñer en marcha prácticas de conservación preventiva e de mantemento.

Este investimento se enmarca no compromiso do Goberno galego de garantir e preservar os bens culturais máis singulares do noso patrimonio como fitos vertebradores da nosa identidade e dinamizadores da actividade cultural, turística e económica da nosa terra.

Este proxecto está vinculado tamén ao traballo que o Goberno galego ten en marcha encamiñado a dar resposta axeitada ao reto do Xacobeo 21.