“Sen a xenerosidade das familias non habería trasplantes”, di Marisa Crespo

Referente mundial en cardioloxía, a doutora do Chuac foi nomeada filla predilecta de Cea
Cardiología
El Correo Gallego
Marisa Crespo, con Gabriel Alén, José Luis Valladares, Miguel Ángel Santalices e Manuel Baltar.

Santiago. O Concello de San Cristovo de Cea, presidido polo seu alcalde –José Luis Valladares–, entregou este sábado o título de filla predilecta á cardióloga Marisa Crespo Leiro, referente mundial no ámbito da insuficiencia cardíaca e o transplante, nun concorrido acto na igrexa do Mosteiro de Santa María A Real de Oseira.

Asistiron cento cincuenta persoas, con ampla presenza de veciños, así como de familiares, amigos e personalidades de toda Galicia.

Ademais da corporación municipal, arrouparon a homenaxeada os presidentes do Parlamento e a Deputación de Ourense –Miguel Ángel Santalices e Xosé Manuel Baltar–, o delegado da Xunta en Ourense –Gabriel Alén– e o veterán político galego Romay Beccaría, entre outros.

Na súa intervención, a prestixiosa especialista manifestou o seu agradecemento por un recoñecemento que a sorprendeu gratamente: “Esta distinción estimúlame aínda máis a seguir sendo embaixadora de Cea, das súas xentes e, moi especialmente, da aldea de Santrós, onde está a miña casa familiar e que visito coa maior frecuencia que o traballo me permite. Temos, ademais, un importante patrimonio material e inmaterial neste concello”.

Na vertente profesional, destacou que a súa paixón e dedicación prioritaria é a medicina clínica, “porque a maior satisfacción é poder axudar ás persoas, curando, aliviando ou acompañando”.

Na súa opinión, a investigación e a formación son os outros ámbitos relevantes da medicina, pero como fonte de coñecemento e avance científico ao servizo do paciente.

Nas insuficiencias cardíacas que requiren transplante, destacou “a xenerosidade das familias dos doantes, xa que sen eles non habería transplantes de corazón”. E dixo que doar é “o último mellor acto que podemos facer na nosa vida, para dar a vida a outros”.

Nacida en Santrós, na parroquia de San Martiño de Lamas (Cea), a doutora Crespo posúe unha ampla traxectoria clínica, investigadora e docente que en 2019 a fixo merecedora da Medalla Castelao que outorga a Xunta.

Estudou Medicina na USC e especializouse en Cardioloxía pola Clínica Puerta del Hierro de Madrid, obtendo ou doutoramento pola Autónoma de Madrid.

Dende 1993 traballa en Cardioloxía do Chuac, onde dirixe a Unidade de Insuficiencia Cardíaca e Transplante Cardíaco, e é profesora titular de Medicina na UDC.

O recoñecemento como filla predilecta de San Cristovo de Cea foi adoptado polo Concello en xuño do 2020, pero o acto adiouse polas restricións sanitarias. redacción