Sesión ‘online’ sobre a cura balnearia en casos psíquicos pola pandemia

Saúde
Redacción ECG

Santiago. A Cátedra de Hidroloxía Médica Universidade de Santiago-Balnearios de Galicia promove o ciclo A saúde é o que importa. Esta iniciativa, que se poñía en marcha en 2019, está destinada a difundir entre a sociedade o valor terapéutico actual da cura termal.

Hoxe, a partir das 19.00 horas, celebrase a segunda sesión do ano deste ciclo. Debido á actual situación sanitaria provocada pola COVID-19, vai ter lugar de xeito online. O público interesado poderá seguila a través do enlace https://youtu.be/uJZZxpLhCHU.

A charla ofreceraa o doutor Mario Páramo, xefe do Servizo de Psiquiatría do Hospital Clínico Universitario de Santiago. Abordará as indicacións da cura balnearia para o tratamento dos problemas psicosomáticos xurdidos trala pandemia.

Unha vez rematada a charla, terá lugar un coloquio posterior co público participante a través de Zoom. Estará moderado polo director da Cátedra, o doutor Juan Gestal. ECG