‘Sons creativos’ trae a música tracicional a Lugo con tres días de actos

Efraím Díaz, David Bellas e Iván Abal abrirán as xornadas de concertos este xoves
USC

Lugo. A décimo cuarta edición do programa de música electroacústica ‘Sons Creativos’, promovido e coordinado por Inmaculada Cárdenas, xunto con Mónica Álvarez e Efraím Díaz ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo, desenvolverase desde este xoves ata o sábado 22 de outubro na Casa do Saber de Lugo.

Efraím Díaz, David Bellas e Iván Abal abrirán este xoves, a partir das 19.00 horas, o menú musical dos 14º Sons Creativos co concerto ‘Arte sonora e tradición’, un programa a través do que o público poderá gozar cos sons da gaita e da gaita de fol, así como do pito pastoril e da zanfona. Efraím Díaz aproveitará a primeira parte da sesión para presentar o seu particular paseo sonoro por Galicia ‘Viaxe por kallaikía’, un traballo audiovisual que percorre as catro provincias galegas e dá conta dos sons tradicionais das percusións galegas. De seguido, o músico lugués interpretará ‘Espectro branco’, unha peza na que xunta o pito pastoril coa música ao vivo dunha pedaleira electrónica.

David Bellas dará continuidade a esta xornada sonora coa peza de Steve Reich para gaita e pito ‘Clapping Music’, trala que interpretará as obras sonoras ‘Marcapáxinas’, ‘É rama na maré’ e ‘Viveiro1540 (Miniaturas)’. Xa en compañía de Iván Abal (zanfona), a primeira xornada dos 14º Sons Creativos servirá tamén para a estrea da composición ‘Et suseia’. A asistencia a todos os concertos é libre e de balde ata completar aforo. USC