Todos os números da revista ‘Nós’ xa están en formato electrónico

Tamén se presentou a posta en marcha da nova páxina web ‘www.revistanos.gal’
Xeración Nós
El Correo Gallego
CULTURAS. Anxo Lorenzo e Mar Pereira, onte. Foto: ECG

Santiago. O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, presentaron onte a dixitalización da revista Nós, que supoñen un paso adiante na difusión nacional e internacional da publicación ao converter en formato libro electrónico a totalidade dos exemplares e ao poñer en marcha unha nova web que recolle todo o universo Nós, coincidindo co centenario do primeiro número da revista.

O secretario xeral de Cultura salientou a relevancia desta iniciativa que supón que Galicia “recupere o legado da Xeración Nós en clave do século XXI” xa que, como engadiu, “un século despois do seu nacemento, a revista Nós recupera os seus materias en formato electrónico para un mellor acceso, acorde coas novas canles de acceso da información”.

Como explicou Anxo M. Lorenzo, a novidade do proxecto presentado hoxe vén dada pola conversión a formato ePub dos 144 números da revista, 100 dos que xa están preparados e son accesibles desde Galiciana BDG para a súa descarga multicanle. Trátase dunha extensión de ficheiro electrónico que permite unha compatibilidade coa meirande parte de dispositivos electrónicos, incluíndo redes móbiles.

Pola súa banda Mar Pereira sinalou que o obxectivo desta iniciativa é poñer a disposición do público en xeral uns contidos de alto valor cultural, aplicando técnicas innovadoras baseadas na Intelixencia Artificial, coñecidas como grafo de coñecemento, que permiten navegar polos contidos da revista e achegarnos ao seus autores modo de relato histórico enlazando os fitos históricos que marcaron a súa época.

A directora da Amtega explicou que dixitalización destes contidos é un paso máis na construción da Memoria Dixital de Galicia, unha iniciativa a longo prazo e que se está desenvolverse en colaboración con toda a sociedade galega e de todos os axentes implicados na xestión do patrimonio cultural galego para garantir a conservación do patrimonio cultural de Galicia e facilitar o seu acceso universal a través da internet. Tamén se presentou a posta en marcha da nova páxina web revistanos.gal, que recolle todo o universo Nós dun xeito ben coidado. ECG