Tributo a Domingo de Andrade, o máis grande arquitecto do barroco galego

Foi dominador do oficio de construír con importantes achegas por toda a xeografía galega// Quintana Martelo e García Braña gabaron a súa figura
Día das Artes Galegas
Juan David
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, a dereita, seguido do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo, e o seu vicepresidente, o académico Celestino García Braña. Foto: Suso Rivas

A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) celebrou onte o acto oficial do Día das Artes Galegas, efeméride dedicada en 2020 e 2021 ao arquitecto Domingo Antonio de Andrade (Cee, 1639–Santiago de Compostela, 1712).

No evento celebrado onte na Capela Real do Hostal dos Reis Católicos, en Santiago, o presidente da academia, Manuel Quintana Martelo, agradeceu a todos os presentes a súa participación neste evento subscrito ao programa que dedica ao Día das Artes Galegas, que en 2019 propuxo a Domingo de Andrade como persoeiro destacado, pero pola chegada da covid a Academia atrasou e despois prorrogou a efeméride a 2021, aproveitando tamén esta extensión coa celebración do Ano Xacobeo para que “a súa figura fose debidamente enxalzada, coñecida e celebrada”.

Quintana Martelo explicou que o arquitecto pasou de traballar con gran éxito profesional en toda Galicia durante o século XVII e a primeira década do XVIII, e deixar sinalados discípulos como Fernando de Casas e Novoa e Simón Rodríguez, a entrar no máis absoluto dos esquecementos ata que Manuel Murguía volvera recoñecer o seu valor a finais do século XIX, e máis adiante outros escritores axudaron a lembrar lentamente a súa valiosa aportación á historia da arte e da arquitectura de Galicia.

“Hoxe pode ser considerado como o máis importante arquitecto desa corrente de expresión que se coñece como o barroco galego e, de aquí e dada a importancia deste estilo na nosa terra, o máis significado dos arquitectos galegos. O barroco posibilitou que o seu talento artístico, como entallador e arquitecto, brillara plenamente. Poderíase dicir que durante a súa vida nada do arquitectónico tivo lugar en Galicia sen que, como consultor ou protagonista directo, estivera presente a figura de Andrade”, sentenciou.

Comezando o seu exitoso quefacer artístico a unha idade temperá, o presidente da RAGBA narrou aos presentes a obra arquitectónica eclesiástica e civil de Andrade, desde a súa primeira obra significativa que foi o Tabernáculo da Catedral de Santiago, pasando polos retablos de San Domingo de Bonaval, intervencións nas catedrais de Lugo, Ourense e Tui, a igrexa de Sobrado dos Monxes ou dos Xesuítas na Coruña, ata a súa principal obra, a Torre do Reloxo da Catedral de Santiago. Ademais do traballo técnico, Andrade escribiu o libro Excelencias, Antigüedad, y Nobleza de la Arquitectura, único tratado publicado en Galicia sobre arquitectura, no que segundo apuntou Quintana, móstrase orgulloso do seu oficio.

Saber construtivo. O académico numerario da sección de Arquitectura e vicepresidente da RAGBA, o arquitecto Celestino García Braña, pronunciou o discurso Xeometría e cidade na Compostela de Domingo de Andrade. Neste texto, rende tributo á figura de Andrade que encarna a invención e consolidación do barroco galego, “coa capacidade de levantar importantes edificios por toda a xeografía galega, desde Lugo a Tui, desde Ourense a Coruña e que contribuíron a cristalizar un modo de construír, como expresión xenuína dun tempo do galaico e inicio da formulación unitaria da cidade de Santiago, superando, coas novas ideas que aportou, as visións parceladas e herdadas do mundo medieval” .

O evento contou coa asistencia do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a subdelegada do Goberno na Coruña; María Rivas López; o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez Blanco; o presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes, e o presidente da Academia Xacobea, Xesús Palmou.