Unha mostra homenaxe a Xela Arias abre os actos do Día das Letras 2021

A Casa da Cultura de Sarria acolle a exposición ‘Aquela nena de Sarria’
Exposición
Redacción ECG
Xela Arias, homenaxeada este 17 de Maio. Foto: Edu.Xunta

Sarria. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participaron onte á tarde na apertura dos actos conmemorativos das Letras Galegas 2021, dedicados a Xela Arias Castaño, con motivo do 59º aniversario do nacemento da poeta sarriá.

Con motivo da apertura oficial dos actos conmemorativos das Letras Galegas 2021, a Casa da Cultura sarriá acolleu a inauguración da exposición Aquela nena de Sarria, promovida por Galicia Dixital e o Colectivo Egeria co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, do Concello de Sarria e da Real Academia Galega.

“Celebramos unha das voces máis destacadas da poesía galega contemporánea, poeta singular, transgresora e guía de toda unha xeración poética renovadora da poesía galega en temas, estilo e forma”, destacou o secretario xeral na súa intervención. Os actos contaron cun recitado de poemas de Xela Arias a cargo das poetas Sonia Arias e Elena López, seguidos dunha interpretación musical a cargo de Eloi Caldeiro. Neles tamén participaron a nai e o fillo da homenaxeada, Amparo Castaño e Darío Gil. ECG