Unha vintena de novos espazos de entretenemento no verán da TVG

‘Atrápame se podes’, a gran aposta da canle autonómica as noites dos domingos aos xoves
Televisión de Galicia
vicente plazaSantiago
Un momento do programa ‘Atrápame se podes’, que se estrena mañá pola noite. Foto: TVG

Arredor dunha vintena de novos espazos transformarán desde mañá a grella da Televisión de Galicia. Neste verán, a programación da Galega buscará converterse unha vez máis nunha fábrica de soños, onde os espectadores bailen, rían, coñezan o amor e vaian á praia, cun amplo abano de propostas dirixidas a toda a familia.

A forte aposta polo entretemento comeza este domingo coa estrea pola noite de Atrápame se podes, o concurso favorito das televisións autonómicas, que dará paso os contidos do prime time da Galega de domingo a xoves. Cun formato baseado en preguntas e respostas, estará presentado, con moito humor, por Paco Lodeiro.

Oito capítulos de ‘Irmáns’. E a continuación e de xeito especial, na TVG asistirase ao lanzamento dos tres primeiros capítulos de Irmáns. Con esta ficción de éxito internacional, que desenvolve a historia emocionante de catro persoas nadas o mesmo día en 50 capítulos, chega á Galega o fenómeno mundial das series turcas. Tras a súa estrea, os espectadores poderán ver esta nova serie dobrada ao galego nas tardes de luns a venres.

Outro dos contidos destacados deste verán virá da man de Tres Camiños. A canle autonómica converte a maxia, as historias emocionantes e as numerosas experiencias que desprende o Camiño de Santiago nesta serie internacional, coproducida tamén coa RTP e Amazon, entre outras.

Á oferta das tardes súmanse tamén dous novos magazines: Sabadeando, un programa de variedades, en directo, con Lucía Rodríguez e Adrián Díaz á fronte, que acompañará os espectadores con actualidade, música, diversión e proximidade, e, de luns a venres, Quen anda aí? verán ofrecerá a súa versión máis fresca e desenfadada.

‘Prime time’. A música será un dos ingredientes principais no prime time a través das novas temporadas de espazos como A liga dos cantantes extraordinarios, con artistas procedentes das mellores orquestras galegas; 100 anos de verbena ofrecerá espectáculos ideados para a TVG desde distintos puntos de Galicia, e Eventos G, baseado nas músicas populares e tradicionais. Os domingos á mañá gozarase co regreso de Ben compasado, dedicado nesta etapa a ofrecer actuacións das bandas populares galegas.

A estrea de Zona humor traerá divertidos sketchs ao serán da TVG os sábados e domingos. O humor tamén é protagonista das novas entregas da edición de verán de Grandes cachadas, espazo que recolle os fragmentos máis singulares da programación da Televisión de Galicia.

Tamén volve con novas historias de amor Casamos!, o mellor recordo para as parellas de noivos do seu día máis ilusionante, e o espazo Aquí hai praia, para amosar o mellor ambiente dos areais galegos. O programa de entretemento Imos de feira recuperará o gusto por coñecer os mercados galegos na rúa e as súas xentes.

Eventos especiais. Pola súa banda, programas consolidados na Televisión de Galicia como Bamboleo seguirán achegando os sábados o mellor entretemento e diversión, do mesmo xeito que os tradicionais Eventos especiais, que se ofrecen cada verán galego, como a celebración dos Fogos do Apóstolo, a Ofrenda do Apóstolo ou a gala do Día de Galicia.