Variedade de estilos no palmarés da terceira edición do OUFF en Curto

Quince curtametraxes galegas participaron neste consolidado certame // O primeiro premio recaiu en ‘To the sea’, dirixido por Julian Grünthal
Cine
Ramón González
Pola esquerda, Miguel Grandío e Simone Saibene, anunciaron o palmarés do OUFF en Curto

Miguel Grandío, coordinador do OUFF en Curto, xunto co presidente do xurado, Simone Saibene, anunciaron onte os filmes gañadores da sección no 25 Festival de Cine de Ourense. O presidente do xurado quixo destacar “a difícil decisión que tiveron que tomar polo alto nivel e agradecer aos meus compañeiros Aida Cobas e Jose Aragunde”.

Para Miguel Grandío, que quixo agradecer o acollemento do Cineclube Padre Feijoo, “a variedade é o que mellor definiu esta terceira edición do OUFF en Curto, un certame que xa podemos considerar consolidado. Ademais, inda que se reduciu o aforo, houbo unha alta participación do público nas votacións e contamos con varias presentacións dos directores das curtas”.

Tamén fixo fincapé a que esta selección de 15 curtametraxes galegas “era perfecta para poñerse ao día do que se está facendo no audiovisual en Galicia xa que toca tódolos estilos”.

O primeiro premio recaiu na curtametraxe To the sea, de Julian Grünthal, pola escolla e tratamento dun tema que, malia universal, ten moito que ver coa realidade galega, e pola súa excelente resolución técnica e artística, especialmente no referido á fotografía e ás interpretacións.

O segundo premio foi para a curtametraxe La penumbra, de Daniel Viqueira, pola súa capacidade para viaxar entre xéneros cun resultado cautivador, capaz de transmitir con efectividade o desacougo psicolóxico e emocional producido polo estrés pos traumático.

Mención especial para Los que no sienten, de Marta Porto, pola súa sinceridade á hora de amosar unha realidade descoñecida e que non sempre coincide co relato oficial.

Lidia Veiga conseguiu o premio á mellor actriz en Onde dormen as gaivotas, por conseguir amosar a evolución da súa personaxe a través de matices sutís na súa actuación, e soster, igualmente, o peso da curtametraxe.

O mellor actor foi Denís Gómez, de Mentres iso pasa, pola súa capacidade de transmitir a angustia que provoca o trastorno obsesivo compulsivo e manter el só todo o peso narrativo nunha curtametraxe rodada en plano secuencia.