Xela Arias chega ben
ás xeracións máis novas

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, salienta que foi unha autora que situou o idioma galego na súa modernidade en todas
as facetas da súa existencia
Rosa Cano

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacou onte a importancia da figura de Xela Arias, homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas, para conectar “coas xeracións máis novas”, ao tratarse dunha autora que situou o idioma na “modernidade” en todas as facetas da súa vida. E repasou os aspectos centrais da traxectoria da poeta, editora e docente nunha entrevista con Europa Press, na que tamén abordou as liñas que marcará a acción do seu departamento e os principais retos que afronta a lingua nos próximos anos.

Entre eles, a situación plasmada no recente informe da Real Academia Galega que alerta do desequilibrio entre o alumnado de contornas urbanas, con máis do 35 por cento dos estudantes castelanfalantes que terminan a ESO cunha escasa competencia no idioma propio de Galicia. O responsable de Política Lingüística atribuíu esta situación ao cambio nos hábitos de vida e a cada vez maior concentración da poboación na contorna das cidades, onde tradicionalmente se utiliza menos a lingua galega.

Garcia considerou que os cidadáns utilizan o idioma en función do “ámbito social”, é dicir, a lingua coa que lles resulta “máis fácil comunicarse na contorna” no que se atopan, ben por contar con maiores espazos de uso, porque é a que se utiliza no seu traballo ou no tempo de lecer.

É por iso que considerou que esa maior ‘castelanización’ das cidades ou a falta de oferta neste idioma afecta tamén os datos do uso entre os mozos que residen nestas contornas, unha situación que implica tanto a “nenos, adolescentes” e mesmo a adultos en función do seu contexto laboral.

“Por iso di o informe que hai máis bilingües”, sinalou, aínda que recoñeceu que aínda é necesario “traballar para mellorar”, sobre todo no caso dos mozos e do alumnado castelanfalante. “Iso non quere dicir que non teñan competencias mínimas, hai que lembrar que son moi aceptables”, engade, como tamén sinala o citado documento da RAG. García apostou por “concienciar por unha banda ás familias” para incentivar a “transmisión” do idioma no seo do fogar, “mesmo nas castelafalantes”, convencerlles do “valor” que ofrece o galego, de contar cunha lingua propia e as súas potencialidades de conexión co mundo da lusofonía.

Outra das patas que debe marcar a acción en Política Lingüística debe ser o impulso do idioma a través dos “hábitos sociais”, ademais das “novas tecnoloxías e as contornas dixitais”.

En todo caso, García considerou que a figura das Letras Galegas deste ano, a poeta Xela Arias, conecta directamente con todos estes retos que afronta o idioma, grazas a “estética tan renovadora” que situou a lingua “na modernidade”, a súa vontade para atraer aos mozos a través da oferta de libros en galego ou o seu marcado carácter urbano sen renunciar ao legado dos seus avós. “Era unha persona de moita vangarda no seu momento, moi moderna mesmo hoxe en día. Tanto o que escribía como ela mesma, as súas fotos, as súas imaxes e a súa voz. Unha linguaxe dunha calidade asombrosa”, defendeu, para considerar que todo iso “fai que a homenaxeada conecte coas xeracións máis novas”, rematou.