O teatro Principal acolleu a entrega dos galardóns San Martiño de Normalización a Manuel Bértolo, o colectivo Rompente e o programa radiofónico ‘Sempre en Galicia’ // O acto contou coa actuación da artista Guadi Galego TEXTO Sol Elvira

A Estrada vístese de gala e premia a boa traxectoria a prol da lingua

Lingua Galega
Sol Elvira

O teatro Principal da Estrada acolleu na tarde noite de onte a entrega dos premios San Martiño de Normalización Lingüística na súa trixésima edición. No acto, aberto ao público e que contou coa actuación da artista Guadi Galego, estiveron, entre outros, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o alcalde, José López Campos, membros da Corporación municipal e persoeiros vinculados ao mundo da cultura galega e da comarca. Foi público e aberto. Tivo lugar ás 20.30 horas e contou coa actuación da artista Guadi Galego.

Un catedrático e investigador, José Manuel Bértolo; o colectivo poético Rompente e o programa radiofónico máis lonxevo en lingua galega, Sempre en Galicia, lévanse este ano os premios de Normalización Lingüística San Martiño.

O fallo do xurado do certame abrangue as tres categorías contempladas no premio. A primeira categoría seleccionada a da defensa do idioma na comarca de Tabeirós-Terra de Montes. O premio foi parar ás mans de José Manuel Bértolo Ballesteros Torres, catedrático de grego e investigador de temas de xenealoxía e heráldica (Soutelo de Montes, 1949), que se mostrou moi agradecido co recoñecemento.

Bértolo é autor de libros como Pazos e casas fidalgas do Concello da Estrada, ou Fidalguía e heráldica de Terra de Montes, e de artigos en revistas como o Boletín de Estudios de Genealogía, Heráldica y Nobiliaria de Galicia ou A Estrada. Miscelánea Histórica e cultural. Tamén é un asiduo colaborador en prensa, algo que lle outorgou o Premio de xornalismo Reimóndez Portela.

Pola súa banda, no apartado de Galicia enteira, o premio San Martiño recaeu no colectivo poético Rompente. Baixo este nome agóchase un colectivo de autores de esprito contestatario e politicamente incorrecto que, comandado por Alberto Avendaño, Manolo Romón e Antón Reixa, apostou por levar a poesía á rúa xa nos anos setenta, nunha proposta de vangarda que revolucionou o xénero e entroncou coa movida urbana do país, iniciando a moitos mozos e mozas na lectura da poesía en galego. Recentemente, regresaron á escena literaria cun libro titulado Que hostia din os rumorosos? que contén poemas dos tres autores citados.

Finalmente o premio Toda unha vida foi para o programa radiofónico en lingua galega máis lonxevo. Titulado Sempre en Galicia, o programa foi creado no ano 1950 en Montevideo (Uruguai) da man de emigrantes galegos coma Alfredo Somoza, Manuel Meilán, Lois Tobío, Antón Crestar, Pedro Couceiro, Xesús Canabal, Emilio Pita e Manuel Leiras. O programa vén sendo, ao longo de seis décadas, o nexo de unión entre a Galicia interior e exterior, coa lingua e a cultura galegas coma elementos referenciais, segundo constaba no propio fallo.

PROMOCIÓN DO IDIOMA Os premios San Martiño de Normalización Lingüística veñen repartíndose no municipio pontevedrés de A Estrada desde o ano 1991.

Estos premios son convocados anualmente pola Asociación Cultural O Brado da Estrada para recoñecer a persoas e colectivos que destacan polo seu labor de promoción do idioma galego.