A Fundación Eduardo Pondal suma cinco Bos e Xenerosos

Ana Romero, Viki Rivadulla, Juan Manuel Andrade, Jorge Mira e José Manuel Casal recibiron as distincións na aldea do Couto
Premios
Manuel Lavandeira
Ana Romero, á esquerda, Jorge Mira, José Manuel Casal, Viki Rivadulla, José Manuel Andrade, Xosé Regueira, Valentín González e Lois García no acto do Couto. Foto: D. Coruña

A Fundación Eduardo Pondal, de Ponteceso, nomeu a cinco novos Bos e Xenerosos, que recibiron as súas distincións nesta fin de semana nun acto celebrado na aldea do Couto.

Os elexidos este ano foron a arqueóloga Ana Romero, natural de Santiago de Compostela, a quen se lle recoñece o seu traballo no dolmen de Dombate e a súa labor nas escavacións do castro A Cidá de Borneiro, ambos xacementos situados no municipio de Cabana; a pintora e escultora muxiá, Viki Rivadulla, pola súa obra reivindicativa de temas como o mar, a muller mariñeira e a súa cultura; o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade Calvo; o físico e catedrático baiés da USC, Jorge Mira; e o fotoxornalista José Manuel Casal Sobrino.

Ao acto de entrega dos galardóns asistiron o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o vicepresidente provincial, Xosé Regueira, e o alcalde de Ponteceso, Xosé Lois García Carballido, entre outros.

A entrega das distincións enmarcouse no programa cultural #Odezasete deseñado pola Fundación Eduardo Pondal, coa colaboración do Concello de Ponteceso, que incluíu tamén un roteiro literario que tivo lugar o sábado polas terras de Muxía, no que participaron Manuel Ferreiro, Felipe Senén e Félix Neira. A xornada complementouse cun monólogo de Boniface Ofogo na Casa dos Veciños, do Couto. Un escenario que este martes, día 17, acollerá un encontro poético que reunirá baixo o título Dose de reforzo aos escritores Rosalía Fernández, Suso Lista, Claudia Castro, Alexandre Nerium e Xurxo Souto. A cita é a partir das 16. 30 horas. A programación cultural chegará ao seu fin cun concerto de Faia Díaz, ás 18.00 horas.

Pola súa banda, Vimianzo viviu esta fin de semana a Festa das Vimiletras, na que a rapazada desfrutou de teatro, inchables, música e obradoiros de tatuaxes e globoflexia. Migallas Teatro animou aos asistentes co espectáculo Cantaxoga, no que os protagonistas intepretaron cancións dos discos Canta connosco! e Pan de millo, acompañados por unha banda de pulgas e pezas de vídeo cómicas.