A Laracha impulsa o programa de voluntariado sénior Axúdoche

Servizos Sociais
Manuel Lavandeira
Rocío López, concelleira de Servizos Sociais, á dereita, e Mari Carmen Ameijeiras, técnica de servizos sociais do Concello larachés con dous dos voluntarios sénior. Foto: C. de Laracha

O Concello ten en marcha desde o pasado mes de setembro o programa de voluntariado sénior Axúdoche, que se realiza por primeira vez na Laracha coa colaboración da Consellería de Política Social.

Están a participar persoas maiores de 55 anos de idade que colaboran como voluntarias en diversas iniciativas en beneficio de diferentes colectivos de poboación vulnerable ou en risco de exclusión. Entre ditas actividades están o acompañamento social e emocional, cooperación en trámites da vida diaria, respiro familiar, etc.

O programa pretende lograr unha maior implicación e integración na comunidade dos voluntarios sénior cos obxectivos de romper cos prexuízos e estereotipos da participación das persoas maiores despois das moitas iniciativas realizadas nos últimos anos para o voluntariado xuvenil. Quere ademais contribuír ao envellecemento activo, aproveitar o coñecemento e a experiencia das persoas maiores para a realización de actividades de interese social e, en definitiva, potenciar a solidariedade e implicación da veciñanza en programas que melloran o benestar social e a calidade de vida dos laracheses.