A Laracha reforza a seguridade viaria en nove parroquias

Acometerá melloras nas estradas que pasan por vinte e cinco lugares // Investirán 431.000 euros
Infraestruturas viarias
Manuel Lavandeira
Obras de pavimentación da Avenida Manuel Fraga da capital municipal larachesa. Foto: C. Laracha

O Concello da Laracha sacará a licitación a próxima semana catro novos proxectos de mellora de estradas de núcleos rurais e os seus servizos complementarios que suman un importe total de 431.000 euros. As obras levaranse a cabo en vías de vinte e cinco entidades de poboación de nove parroquias.

En Soandres os núcleos afectados son os de O Priorato, A Abeleira, Boimir, A Insuaboa, Currelos de Abaixo, Condesuso, Condes, As Táboas e A Ponte da Veiga, onde será mellorada a capa de rodadura das estradas.

Na parroquia de Montemaior actuarase nos núcleos de O Batalo, Bardenlos, A Ferreira, Casas Longas, O Lorteiro e Pazos, incluíndo a mellora do pavimento en todas as estradas e tamén da rede de augas pluviais nos puntos nos que así é necesario.

En Lemaio levarase a cabo unha ampla intervención que contempla a mellora da capa de rodadura de dúas vías que cumunica e discorren polos núcleos de A Estrada, Tuixe de Arriba, Tuixe de Abaixo e A Barreira, e que presentan unha lonxitude total duns 5.000 metros lineais. Tamén se contempla a ampliación da rede de abastecemento.

En Torás a intervención prevista corresponde á estrada no núcleo de O Campo, moi próximo ao casco urbano da Laracha, onde as obras consistirán no acondicionamento dos sobreanchos resultantes da construción de novos peches de parcelas particulares para o seu aproveitamento como espazos de aparcamento. Tamén será ampliada e mellorada a rede de recollida de augas pluviais.

Na parroquia de Cabovilaño mellorarase a vía do núcleo de Cardois, incluíndo tamén a mellora da rede de pluviais. En Caión, no núcleo de Goxán, levarase a cabo unha intervención de similares características.

En estradas dos lugares de A Painceira (parroquia de Coiro), O Campo da Porta (Lendo) e Vilanova (Vilaño) será renovada a superficie de rodadura dos vehículos.

En todos os casos os proxectos inclúen a correspondente sinalización horizontal e vertical para reforzar a seguridade viaria.

EMPREGO. Por outra banda, o Concello larachés ten en marcha o proceso de selección dos participantes que formarán parte do programa integrado de emprego (PIE) que se desenvolverá ao longo dos próximos meses en colaboración coa Consellería de Emprego e Igualdade.

As persoas que desexen optar a unha das cen prazas convocadas deben atoparse en situación de desemprego e estar dadas de alta na súa oficina de emprego de referencia como demandantes e interesadas na realización de accións formativas destas características.

Tamén se ofrece a posibilidade de solicitar a participación no procedemento de selección directamente no Concello a través do departamento municipal de Emprego acudindo ao edificio administrativo da Laracha ou chamando ao 981 612 811.

O novo programa integrado de emprego da Laracha contará con dous orientadores laborais e un auxiliar administrativo. Terá unha duración de doce meses e formarán parte do mesmo cen participantes, sendo o obxectivo de inserción laboral dun mínimo do trinta e seis por cento dos beneficiarios.