A Xunta concede axudas a 18 municipios coruñeses para que fagan os seus propios plans de acción para o clima e a enerxía sustentable // Elaborarán un inventario de referencia de emisións de gases de efecto invernadoiro e unha avaliación de riscos TEXTO Víctor Furelos

A loita polo cambio climático chega a mans dos concellos

Cambio climático
Víctor Furelos
Un veciño camiña en Rianxo polo monte tras un incendio, que se relaciona co cambio climático. Foto: Lavandeira Jr.

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, máis o alcalde de O Pino, Manuel Taboada, informaron da resolución da orde de axudas para redactar plans de acción fronte ao cambio climático. O representante do Goberno galego informou que un total de 18 concellos coruñeses recibirán algo máis de 105.000 euros en axudas da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para redactar cada un o seu propio Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sustentable (Paces), unha ferramenta de carácter técnico co obxectivo de avanzar na loita contra o cambio climático e o quecemento global en clave local.

Este é o segundo ano no que a Xunta lanza unha orde de axudas dirixida especificamente ás entidades locais adscritas ao Pacto das Alcaldías para o Clima e a Enerxía coa finalidade de axudalas na redacción dos seus respectivos plans de acción.

Concretamente, os municipios da provincia da Coruña que resultaron beneficiarios ao abeiro desta última convocatoria son, ademais do Pino, onde se celebrou o acto, Teo, Rianxo, Boiro, Frades, Arzúa, Mazaricos, Negreira, Outes, Irixoa, Neda, A Coruña, Valdoviño, Ares, Cariño, Cerceda, Ortigueira e Pontedeume.

Así mesmo, no conxunto de Galicia concedéronse 70 subvencións a outros tantos concellos por un importe de 337.000 €, atendéndose así o 100 % das solicitudes recibidas. Estes municipios súmanse aos 176 que están a traballar actualmente na elaboración do seu propio plan, de xeito que, a día de hoxe, pode dicirse que preto de 250 entidades locais galegas xa están comprometidas de forma activa na loita contra o cambio climático.

Un Paces consiste basicamente na elaboración dun inventario de referencia de emisións de gases de efecto invernadoiro e na avaliación de riscos e vulnerabilidades ante o cambio climático. Grazas a estas axudas da Xunta, os municipios poden afrontar o custo dos traballos de asistencia técnica necesarios para a súa elaboración.

Deste xeito, dáse cumprimento a un dos compromisos que asumen os concellos no momento da súa adhesión ao Pacto das Alcaldías, integrando a loita fronte ao cambio climático como unha das variables que deben estar presentes na definición das políticas locais, tanto para reducir as emisións e mellorar a eficiencia enerxética como para adaptarse ás consecuencias derivadas do quecemento global que está a sufrir o planeta.

O citado Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía púxose en marcha no ano 2008 e na actualidade está considerado o maior movemento de carácter internacional para buscar sinerxias fronte ao cambio climático entre as distintas administracións, cunha mención especial ao labor dos concellos pola súa relación directa e próxima cos cidadáns.

No caso de Galicia, a Xunta asumiu en 2017 o papel de coordinadora do movemento na Comunidade desde a convicción de que os retos globais do cambio climático deben afrontarse tamén desde as vilas e as cidades de xeito unido e partindo da premisa que xa é eslogan: Pensa global, actúa local.

Na actualidade xa son 271 os concellos adheridos ao pacto, o que representa a unha poboación de preto de 2,2 millóns de galegos, unha boa mostra da acollida que está a ter este movemento en Galicia, sobre todo desde a creación da Oficina Técnica de Coordinación e Asesoramento aos Municipios no ano 2018.