A Pobra celebrará este 25-N con catro mulleres que son referentes no eido científico

Un concurso de lemas ilustrados e obradoiros para estudantes completan o programa // Certame de poesía urbana en Ribeira
25-N
Suso Souto
RIBEIRA. Ana Barreiro, concelleira de Servizos Sociais, e Dolores Crujeiras, directora do CIM de Ribeira. Foto: C. R.

Os concellos do Barbanza elaboraron amplos programas para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o vindeiro xoves día 25.

A Pobra convoca o concurso Lemas ilustrados. O prazo está aberto ata o día 22 e os premios consistirán en bonos de compra na plataforma dixital www.deanshop.es, que sumarán 420 euros.

O auditorio albergará os días 10 e 11 unhas xornadas formativas para persoal técnico do Concello e da Policía local, así como para persoal docente, no marco da Cátedra Extraordinaria de Valores Democráticos e de Xénero.

E tamén no auditorio celebraranse as VII Xornadas de Muller e Ciencia, con catro coloquios a cargo de expertas cunha relevante traxectoria profesional no ámbito científico. A primeira cita será o venres 12 ás 19.00 horas ca conferencia Nenas, enxeñaría e informática, da man de Beatriz Pérez Sánchez. O sábado 13 ás 18.30 horas será a quenda de María Carreiro Otero con Xénero e desenvolvemento sostible e, ás 19.30 horas, será a charla O xénero como determinante social da saúde das mulleres, con María Jesús Movilla Fernández.

Para favorecer a conciliación das persoas asistentes, configúrase para as crianzas un obradoiro de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría, arte e matemáticas na aula de estudo da biblioteca municipal neses días e nos horarios indicados.

Os días 23, 25 e 26 haberá accións orientadas a alumnado do IES da Pobra: a charla Prevención do acoso nas redes, que ofrecerá a Garda Civil a 4° da ESO; un taller de educación afectivo-sexual, dirixido a 3° da ESO; e o obradoiro Acoso rueiro, destinado a 1° de Bacharelato da man da Fundación Mujeres. Tamén haberá o contacontos infantil Unha casa á medida, para os escolares de Infantil, nos colexios do municipio do 15 ó 19.

Pola súa banda, Ribeira convoca o II Concurso de Poesía Urbana pola Igualdade e contra a Violencia de Xénero, en dúas modalidades: unha para maiores de 16 anos e outra para menores desa idade. O prazo está aberto ata o 1 de decembro. A partir deste luns 15 terá lugar a campaña 15 días, 30 lemas, na cal cada día publicaranse nas redes sociais municipais dúas cartaces nas que varias persoas do municipio exhiben lemas contra a violencia sexista.

O martes 23 presentarase unha guía de atención ás mulleres vítimas da violencia de xénero dirixida especificamente ao seu manexo por parte do persoal sanitario.

Os días 27 de novembro e 4 de decembro terá lugar un curso de autodefensa destinado a mulleres do municipio maiores de idade. Será de 10.00 a 14.00 horas no complexo deportivo da Fieiteira.

E o xoves 25 os actos arrancarán ás 09.30 ca performance Non máis princesas (a través de streaming), a cargo de Pedro Brandariz, para alumnado de Primaria. Ás 11.00 terá lugar unha marcha contra a violencia para alumnado de ESO e de FP Básica e o resto de cidadanía que se desexe sumar, dende a Praza do Concello. Rematará cun recital poético a cargo de Nuria Vil.

E en Rianxo, este xoves 11 ás 19.00 h. celebrarase no auditorio municipal un coloquio sobre a violencia de xénero en mulleres maiores, con Elena Molanes (directora do Centro de Emerxencia para Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero) e Lara Fuentes (técnica de Fademur).