A Pobra dota ó coworking de servizo de asistencia técnica

Unha firma realizara titorías e canalizará proxectos // Hai xa cinco emprendedores instalados
Emprendemento
Suso Souto
PRESENTACIÓN. Pola esquerda, Fátima Rodríguez, o alcalde, Lois Piñeiro, e a edil de Promoción Económica, Charo Varela, na presentación. Foto: C.

A mediados do mes de febreiro, o coworking da Pobra pasou a integrarse na Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo. O centro conta actualmente con cinco iniciativas activas, polo que o executivo local aposta por apoiar a xestión das mesmas a través dunha asistencia técnica, fomentar o espírito emprendedor e dinamizar este espazo municipal.

Asimesmo, impulsarase un campus de emprendemento con perspectiva de xénero (constará dun programa formativo e unha visita didáctica) e a promoción do sector primario para o aproveitamento dos excedentes agrarios en explotacións fami-
liares de autoconsumo, o cal xa se iniciou na localidade.

O custo total do proxecto ascenderá a 31.014 euros, dos cales a Deputación da Coruña achegará un 80 % e o Concello asumirá a contía restante.

En representación de Promove, a empresa que se encargará da asistencia técnica, Fátima Rodríguez manifestou que se ofrece “un enfoque integral” das distintas actividades que se van levar a cabo.

Ofrecerase un apoio ás e ós coworkers, tanto a aquelas/es que se atopan agora en fase de preincubación (é dicir, aquelas persoas que aínda se atopan inmersas no proceso de maduración do negocio, polo cal non están dadas de alta como autónomas) como a aquelas persoas que xa están dadas de alta e que encaran os tres primeiros anos de consolidación no mercado.

Brindaranse titorías e compartiranse e canalizaranse aquelas necesidades e propostas que presenten.

Poranse tamén en marcha charlas para estimular o espírito emprendedor na localidade, ao tempo que se promociona o espazo de traballo colaborativo, así como titorías e xornadas de portas abertas.

O alcalde, Lois Piñeiro, salientou que o coworking pobrense “é un dos primeiros que houbo en Galicia de iniciativa pública” e que xa deu os seus froitos, pois indicou que xa foron varias as empresas que se crearon no espazo colaborativo pobrense para, posteriormente, independizarse e lanzarse de cheo ao mundo da competencia empresarial. Piñeiro agradeceu, ademais, á Deputación da Coruña a incorporación deste centro á rede provincial.

Creado en 2017, o coworking pobrense consta dunha área de 143,23 m2 con capacidade para acoller 10 iniciativas emprendedoras: o espazo Emprende, con cabida para 8 módulos de traballo e destinado preferentemente a persoas emprendedoras que desexen crear a súa propia empresa, e o espazo Nómades, con 2 módulos, dirixido a persoas usuarias externas que non permanezan de xeito continuado no centro.