A Pobra inicia este venres as festas na honra do Nazareno co pregón de Protección Civil
As festas do Nazareno comezarán este venres 16 na Pobra co pregón que ofrecerán ás 21.00 horas dende o balcón consistorial os voluntarios e voluntarias de Protección Civil, en recoñecemento ó traballo “encomiable e necesario” que, según o alcalde, Lois Piñeiro, veñen realizando.
Con esta decisión búscase recoñecer o labor que realizan ao colaborar nos numerosos eventos que organiza a administración local, na recollida de animais abandonados ou na atención de accidentes e inundacións. O esforzo tamén se intensificou durante a pandemia, co repartimento de alimentos ou a desinfección de espazos, entre outras tarefas que levaron a cabo.
O rexedor fixo fincapé na súa intervención durante os incendios, pois “a súa actuación foi tremenda e se non fose pola agrupación igual teriamos que falar de maiores danos materiais.” Sinalou así que o Concello destina 6.000 euros anuais para a adquisición do material que precisan nos seus operativos, porque “queremos unha agrupación de voluntariado forte e cada vez mellor preparada e máis dotada para que cumpran con todo os seus obxectivos.”
No tocante á procesión das mortallas que o domingo percorrerá o núcleo urbano, o Concello deseñou un amplo operativo para a prevención de situacións de risco. O edil de Seguridade, José Andrés Lojo, explicou que o Posto de Mando Avanzado da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) converterase no centro de coordinación do dispositivo, que se situará na Praza Alcalde Segundo Durán.
Outra das accións é a distribución de videocámaras por todo o itinerario que remitirán as gravacións ao mencionado camión para o control da comitiva. Refórzase tamén o número de efectivos con membros da Policía local da Pobra, de Rianxo, da Comandancia da Garda Civil da Coruña e de Protección Civil de varios municipios.
De cara á prevención de emerxencias sanitarias, oito técnicos acompañarán a procesión dotados de desfibriladores e material de primeiros auxilios. Tamén se disporá de catro ambulancias de soporte vital básico (con dous técnicos cada unha) e unha de soporte vital avanzado (médica/o e enfermeira/o).
Doutra banda, entre as 08.30 e 15.00 horas procederase co corte do tráfico na AC-305 (entre a rotonda da estación de autobuses e a entrada á rúa Venecia), así como da AC-302 (dende o cruce da Atalaia ao centro da vila).