‘RADIOGRAFÍA’. Pasou de 3.700 a 5.500 millóns de euros e ten relación con 76 das 83 ramas de actividade da economía // A industria pesqueira ten un peso do cinco por cento no PIB // Quintana presentou en Ribeira un rigoroso estudo TEXTO S. Souto

A produción do mar en Galicia medrou un 50 % en oito anos

Pesca
Suso Souto
PRESENTACIÓN. Rosa Quintana, flanqueada por José Antonio Pérez, esquerda, e Gonzalo Rodríguez, este luns á súa chegada á lonxa de Ribeira para presentar as Táboas input-output pesca-conserva. Foto: Suso Souto

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo este luns de relevo en Ribeira que a produción do sector do mar en Galicia subiu preto dun cincuenta por cento desde o ano 2011, ao superar os 5.500 millóns de euros, fronte aos 3.700 millóns de euros de 2011, e que ten relación con 76 das 83 ramas de actividade da economía (máis do noventa por cento).

Así o reflicten as Táboas input-output pesca-conserva galegas 2019, que presentou a conselleira nun acto celebrado na lonxa ribeirense e que foron elaboradas por encargo da Xunta de Galicia polo equipo dirixido polos economistas Gonzalo Rodríguez e María do Carme García Negro, do grupo de investigación en Economía Pesqueira e Recursos Naturais Ecopesca da Universidade de Santiago de Compostela.

Na presentación, na que tamén participou Gonzalo Rodríguez, Rosa Quintana destacou o gran crecemento da industria transformadora, cunha produción de 4.300 millóns de euros, máis do dobre que na edición de dito estudo de 2011.

Ademais, a representante autonómica puxo de relevo a capacidade do complexo mar-industria no comercio exterior, pois as vendas realizadas fóra de Galicia manteñen unha tendencia claramente positiva.

As relacións comerciais con outros países supoñen unha achega importante ao valor global deste sector en Galicia que, segundo reflicten as táboas, fan que o volume económico xeral engadindo os produtos comercializados desde a Comunidade rolde os 9.000 millóns de euros, incluíndo as importacións, o que supón a maior cifra da historia.

Un potencial que, segundo engadiu a conselleira, tamén se ve na influencia do sector do mar no resto de actividades da economía, pois 76 das 83 ramas da actividade económica galega teñen relación co sector marítimo-pesqueiro.

“Toda esta información permite cuantificar que o mar e as súas industrias son a cuarta actividade con maior presenza na economía galega, cun peso no PIB que rolda o cinco por cento. Isto é unha mostra de que o sector marítimo-pesqueiro ten un papel fundamental na vertebración do territorio, pois esténdese por toda a costa e permite fixar poboación”, explicou a conselleira.

Un exemplo claro é Ribeira, “onde a actividade marítimo-pesqueira é vital”, apuntou Rosa Quintana.

Ademais, expuxo que esta panorámica socioeconómica da cadea mar-industria galega permite ao Executivo autonómico ter unha visión máis completa e actual da dimensión deste complexo e das súas múltiples interrelacións cos distintos sectores económicos, ao tempo que facilita a toma de decisións estratéxicas en beneficio deste sector.

Neste sentido, Rosa Quintana destacou o gran valor destes datos para avanzar na necesidade de ter en conta os aspectos socioeconómicos en equilibrio cos biolóxicos e ambientais, para garantir o desenvolvemento sustentable da actividade.

Por último, a conselleira subliñou que “esta cuantificación é posible grazas ao traballo de Gonzalo Rodríguez e María do Carme García Negro e dos profesionais e empresas da cadea mar-industria que colaboraron na elaboración destas táboas coas súas respostas e aportando unha información moi valiosa”.

delegribeira@elcorreogallego.es