OCIO ESTIVAL. Cincocentos cativos de 9 a 14 anos dos 93 concellos coruñeses van gozar ata finais de xullo de actividades ao aire libre, excursións e visitas ás praias // Teñen a súa base de operacións no IES Rosalía Mera da cidade herculina TEXTO S. S.

A rapazada da comarca embarca xa nos Campamentos Deportivos

Campamentos
Suso Souto
OS PRIMEIROS. Cristina Capelán visitou no IES Rosalía Mera ós participantes na primeira quenda dos Campamentos Deportivos. Foto: D.P.C.

É tempo de verán; é tempo de campo, de praia e de montaña; é tempo de diversión e de amizade. E rapaces e rapazas de 47 concellos de Área de Compostela teñen xa ó lombo as súas mochilas e toallas para gozar dos Campamentos Deportivos 2022 da Deputación da Coruña, que regresan tras dous anos de parón pola pandemia da covid e nos que este verán van participar cincocentos nenos e nenas dos 93 concellos da provincia ata finais de xullo.

Os campamentos están destinados a nenos e nenas de entre nove e catorce anos de idade e desenvolveranse no IES Rosalía Mera da Deputación, ubicado na cidade da Coruña, en cinco quendas de seis días de duración cada unha delas.

A deputada provincial de Deportes, Cristina Capelán, sinalou que “propoñemos un programa lúdico e deportivo moi completo para que todos os nenos e nenas poidan gozar dun verán repleto de actividades baseadas na aprendizaxe e en vivencias compartidas con novos compañeiros e compañeiras”.

Durante as xornadas de campamento, a rapazada participante poderá gozar de deportes náuticos, actividades ao aire libre, excursións á praia e visitas culturais, deportivas e etnográficas en diferentes zonas de interese na provincia da Coruña.

As actividades e os xogos programados pola Deputación coruñesa no marco desta proposta de ocio estival buscarán en todo momento fomentar a comunicación, o intercambio de experiencias, a convivencia e o respecto polos demais.

Polo que respecta ás diferentes quendas estipuladas, a primeira delas comezou xa o pasado domingo día 26 e prolongarase ata este sábado día 2 de xullo. Nela participan mozos e mozas dos concellos de Aranga, Bergondo, Cabanas, Capela, Coirós, Culleredo, Curtis, Fene, Irixoa, Melide, Miño, Oza-Cesuras, Paderne, Pontedeume, As Pontes, Sada, Santiago de Compostela, Vilarmaior e Vilasantar.

A segunda quenda comezará o vindeiro domingo 3 e rematará o día 8 de xullo. Neste caso os beneficiarios serán os cativos das localidades de Abegondo, Ames, Arzúa, A Baña, Boimorto, Boqueixón, Cerceda, Frades, Mesía, Negreira, Ordes, Oroso, O Pino, Rois, Santiso, Sobrado, Teo, Toques, Tordoia, Touro, Trazo, Val do Dubra e Vedra.

A terceira quenda dos campamentos de verán abarcará do dez ao quince de xullo e vai destinada ós nenos e nenas dos municipios de Arteixo, Betanzos, Cabana de Bergantiños, Cambre, Carballo, Carral, Coristanco, A Laracha, Laxe, Malpica, Mazaricos, Mugardos, Oleiros, Ponteceso e Santa Comba.

A cuarta das quendas está programada do dezasete ao vinte e dous de de xullo para a rapazada de Ares, Cariño, Cedeira, Cerdido, A Coruña, Ferrol, Mañón, Moeche, Narón, Neda, Ortigueira, San Sadurniño, As Somozas e Valdoviño.

ATA O DÍA 29 DE XULLO. E a última das quendas dos campamentos terá lugar entre os días 24 e 29 de xullo para os cativos dos concellos de Boiro, Brión, Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Dodro, Dumbría, Fisterra, Lousame, Muros, Muxía, Noia, Outes, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Vimianzo e Zas.

delegribeira@elcorreogallego.es