A revolta dos Irmandiños xa está activa para asaltar o castelo en Vimianzo

Asalto ao Castelo
Manuel Lavandeira
Autoridades e veciños desfrutando das actuacións musicais e de danza na praza do Concello de Vimianzo. Foto: C. V.

Vimianzo. A capital de Soneira comezou unha viaxe no tempo para rememorar a revolta dos Irmandiños do século XV coa vinte e cinco edición do Asalto ao Castelo de Vimianzo, que este ano estrea a distinción de Festa de Interese Turístico de Galicia.

A inauguración oficial das celebracións tivo lugar na praza do Concello nun acto ao que se sumaron a subdelegada do Goberno, María Rivas; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González; e o delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, que acompañaron á alcaldesa, Mónica Rodríguez. Asistiron tamén os alcaldes e alcaldesas de Cee, Camariñas, Dumbría, Laxe e Muxía.

Manuel Rial, da organización do Asalto ao Castelo, foi o condutor dun evento que congregou a centos de veciños e veciñas da vila. A alcaldesa, Mónica Rodríguez, lembrou que a pandemia impediu a celebración deste acto no 2020 e tivo unha lembranza especial para os falecidos por mor da Covid. Tamén lembrou o xermen do evento, que naceu “no seo dunha asociación xuvenil e que pouco a pouco involucrou a toda unha vila e á comarca. E quero destacar que ese espírito é o máis importante da nosa festa”.

Tamén tivo palabras de agradecemento as entidades que fixeron e fan posible esta festa sexa hoxe Festa de Interese Turístico de Galicia. “Agradezo en nome de todos os vimianceses a entidade organizadora Cherinkas, e por suposto a Axvalso (entidade que iniciou a festa). Xuntos traballamos para esta festa, a nosa festa siga medrando”, engadiu.

A alcaldesa agradeceu tamén a presenza da entidade ABC del Partido Judicial de Corcubión (Buenos Aires), encabezada polo seu presidente Carlos Óscar Ameijeiras, “que cruzaron o Atlántico coas gaitas, tambores e pandeiretas que hoxe as fixeron resoar para todas e todos ns en Vimianzo, na súa terra”, indicou.

Pola súa banda, o presidente da Deputación, Valentín Gonzále, afirmou que o castelo de Vimianzo e un elemento patrimonial “que é un orgullo para todos nós, e a aposta pola súa posta en valor está a dar os seus froitos. Recuperamos ese espírito que aínda mantén esta terra. Seguiremos poñendo a vosa disposición os investimentos necesarios para seguir poñendo en valor este castelo, seguiremos apoiando esta festa e seguiremos apoiando a Vimianzo”.

A subdelegada do Goberno en A Coruña, María Rivas, asegurou que “Vimianzo ten patrimonio, ten cultura, ten historia e ten gastronomía. Un bo número de atractivos que merecen ser coñecidos e visitados”. Pola súa banda, o delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, apuntou que “o asalto, inspirado na gran guerra irmandiña do 1467, é unha mostra da tradición que encumbra ao pobo galego como ensalzador de liberdade e de xustiza. Grazas a este tipo de celebracións e da man do Ano Santo, no que máis de 135.000 Compostelas foron seladas no que vai de 2022, e máis de 1 millón de turistas visitaron a nosa comunidade no primeiro cuarto de ano, os galegos nos facemos máis visibles e exportamos o mellor da nosa terra ao mundo”.

O acto estivo amenizado musicalmente por Irma Macías, a vocalista vimiancesa de Luar na Lubre, o grupo Alborada del ABC del Partido de Corcubión, e actuacións dos grupos de baile Foliada de Salto e Airiños do río Grande. Depois, no foso do castelo celebrouse a tradicional Cea Medieval, amenizada coa música de Cé Orquestra Pantasma, Monoulious Dop e A Banda de Balbina. A noite trouxo tamén unha loita druídica protagonizada por Roberto Traba e Miguel Queiro.

Todo á espera do gran Asalto ao Castelo que terá lugar este sábado pola noite, despois doutra intensa xornada na que haberá feira de artesanía, música, obradoiros, o Asaltiño infantil e o desfile das Irmandades Parroquiais.