A valorización da contorna do castelo de Vimianzo foi rexeitada por Patrimonio

A alcaldesa deféndese das críticas do BNG e di que carecía de orzamento e de terreos // Nega que se rexeitase unha axuda
Política municipal
José M. Ramos
Mónica Rodríguez, á esquerda, con María José Pose e Miguel Pérez, no Concello. Foto: C. V.

Ante as críticas difundidas polo candidato do BNG, Benxamín Queiro, ao respecto do paralizado plan de posta en valor da contorna do castelo de Vimianzo, a alcaldesa, Mónica Rodríguez, quixo saír ao paso porque “non podemos permitir que o descoñecemento se apodere do discurso público”, dixo.

Subliñou que o referido plan impulsado polo anterior goberno local (Adiante Vimianzo) “tan só era unha memoria e un proxecto básico valorado en 253.958 euros, e non fomos nós quenes o paralizamos, senón que foi o propio executivo anterior o que o deixou no caixón porque tiña un informe desfavorable de Patrimonio e, ademais, a Deputación da Coruña remitiu de volta a documentación por estar incompleta”.

Para levar a cabo iniciativas deste tipo, engadiu, “hai que ter a dispoñibilidade da titularidade dos terreos, autorizacións sectoriais e unha reserva de crédito dos orzamentos municipais; e nada disto tiña o anterior goberno”.

Desmentiu tamén que o actual goberno (PSOE) rexeitase unha subvención de 600.000 € “e hai datos contrastados para poder demostrar que non se rexeitou en ningún momento”, explicou.

Respecto á posibilidade de que o seu goberno retome a iniciativa, Mónica Rodríguez sinalou que “faranse as melloras que sexan posibles, pero primeiro temos que dar conta do que temos e priorizar, e así o fixemos, pois antes de actuar na contorna hai que manter o castelo, no que, coa axuda da Deputación, renovamos a instalación eléctrica e agora vanse instalar equipamentos de seguridade”.

En relación á demora da Praza de Carantoña, sinalou que o anterior goberno tan só realizou unha reserva de crédito de 22.000 €, “que non valía nin para adquirir o cincuenta por cento dos terreos”. “Na actualidade, o Concello xa dispón de 22 das 25 parcelas necesarias para habilitar unha praza de 10.000 metros cadrados”, sinalou.

A rexedora aclarou tamén que o Concello non se negou a adquirir os terreos dos 8 dolmens do Parque do Megalitismo, “xa que iso vaino facer a Deputación da Coruña”.

Polo que respecta ás críticas do BNG á xestión da revisión do Catastro, Mónica Rodríguez reiterou que o “Concello non foi notificado sobre este proceso” e que, dende o primeiro momento, púxose a disposición da veciñanza un equipo de asesores “que atenderon máis de 5.000 solicitudes”. Agora que están a chegar os recibos, e que hai moitos erros, “solicitaremos de novo, por unanimidade de todos os grupos, a suspensión do procedemento”, engadiu.