Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
JOSÉ MANUEL RAMOS LAVANDEIRA / Xornalista / Delegación Costa da Morte

Historias de vida dende a Costa da Morte

Petaba á porta xa o novo milenio cando fun convidado por Jesús Trillo, delegado de EL CORREO GALLEGO na Costa da Morte, a colaborar co seu equipo para darlle voz, en forma de palabra escrita, a persoas, colectivos, institucións e empresas moi diversas. Ao longo destes máis de vinte anos foron moitas e moi diversas as emocións vividas, que transformamos xuntos en novas a través das páxinas do xornal, sempre co apoio e a colaboración dos nosos compañeiros de Área de Compostela e doutras seccións.

No recordo perviven momentos complicados, moitos deles chegados dende ese mar que da nome á Costa da Morte, pero tamén numerosos momentos, historias e logros de persoas e colectivos desta franxa atlántica que demostran que estas comarcas son tamén fonte de vida.

Na memoria quedan, sen dúbida, acontecementos que pervivirán nas páxinas da historia da Costa da Morte, como o afundimento do Prestige, que encheu de chapapote boa parte do litoral galego e mobilizou ata este recuncho da península Ibérica a unha marea blanca de milleiros de voluntarios que borraron das pedras a pegada do ‘piche’, como lle chaman en Muxía ao negro combustible. A súa acción solidaria encheu moitas das páxinas que escribimos neste xornal, nas que tamén demos conta da visita de persoeiros como o rey Juan Carlos I; Pau Gasol; ou do que entón era vicepresidente do Goberno, Mariano Rajoy, entre outros moitos.

As ondas do Atlántico trouxeron a esta terras tamén outras tristes novas en forma de naufraxios –afortunadamente, cada vez menos frecuentes– que se cobraron moitas vidas. Un dos sucesos que máis me sorprendeu sucedeu en marzo de 2001, cando chegaron ás costas de Fisterra, Cee, Camariñas e Muxía corpos sen vida de mulleres. Cando se atoparon as primeiras, pensouse que serían mariscadoras, pero cando seguiron chegando cadáveres ninguén conquería darlle unha explicación ao que estaba sucedendo. Curiosamente, a pista que levou á súa orixe foron as etiquetas da súa roupa interior coa inscrición Made in Portugal. Tres días antes, no interior do país veciño precipitárase ao Douro un autobús, e en 72 horas parte das vítimas apareceron, casualmente ou non, na chamada Costa da Morte.

Neste tempo tamén foron moitas as boas novas que poidemos contar, como a recuperación do Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía, algo no que o compañeiro Trillo, tristemente falecido no 2018, se involucrou de xeito moi activo, xunto con xentes da Asociación de Amigos do Camiño e da Asociación Neria, ademais de concellos e outros colectivos. Hoxe por eses vieiros interiores chegan ata a nosa costa milleiros de peregrinos cada ano que, sen dúbida, foron e son un elemento clave no desenvolvemento turístico vivido nestas comarcas, hoxe convertidas no xeodestino Costa da Morte, que estreará este mesmo mes un parador en Muxía.

Dende as páxinas do xornal contamos igualmente como as xentes destas terras conqueriron recuperar do pasado elementos tan significativos coma o dolmen de Dombate, as Torres do Allo, o Castelo de Vimianzo, a historia dos oleiros de Buño... para convertelos en grandes valores de futuro, ao igual que fixeron coas súas festas e romarías tradicionais, coa súa cultura e gastronomía. Igualmente sucedeu co deporte, que vivíu un gran auxe nas últimas décadas, ao que contribuiu tamén EL CORREO, organizando a Carreira Pedestre da Costa da Morte en diferentes concellos da zona.

Non quixera rematar sen lembrar que foi en Muxía, sede da primeira delegación do xornal na Costa da Morte, onde escribín as miñas primeiras liñas e que, durante moitos anos, ademais de complementar a información diaria destas comarcas, colaborei coa sección de Edicións Especiais, o que me permitíu descubrir e dar a coñecer máis polo miúdo outras realidades e sectores do ámbito galego e nacional. Como anécdota, lembro con agarimo a viaxe que me levou, xunto a outros xornalistas galegos, ata o Círculo Polar Ártico en outubro de 2013, para coñecer de preto unha mina de ouro do norte de Finlandia cando na nosa terra existía un forte debate en torno ao, finalmente fallido, proxecto mineiro de Corcoesto.

Agora, chegados a este cumio do número 50.000, dende a capital de Soneira auguro que aínda quedan moitas historias de vida que contar dende a Costa da Morte.

16 jun 2020 / 00:48
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito