Aberto o prazo de inscrición no programa de conciliación Harmoniza da Laracha

Ofértase aos alumnos dos tres colexios do municipio todos os días lectivos do novo curso
Servizos Sociais
Manuel Lavandeira
Praza do Concello da Laracha

A Laracha. O Concello larachés abriu a inscrición para solicitar praza no servizo de apoio á conciliación da vida persoal, laboral e familiar que se prestará a través do Programa Harmoniza: Conciliando na Laracha durante o próximo curso escolar.

Ofértase ao alumnado matriculado nos tres colexios (CEIP Otero Pedrayo, Alfredo Brañas e Caión) para todos os días lectivos a partir das 7.00 horas e ata o inicio da actividade no centro de ensino. Segundo as necesidades de conciliación de cada usuario, ofrécense dúas modalidades no servizo: todo o curso escolar (coa posibilidade de escoller mes completo ou días soltos) e a utilización do servizo ocasionalmente. En todos os casos existen as opcións con e sen almorzo. Os servizos básicos son os de acollida, coidado, vixilancia e realización de actividades educativas e lúdicas a cargo de profesionais especializados.

As prazas son limitadas e terán prioridade as persoas que xustifiquen a necesidade da conciliación atendendo a circunstancias laborais e sociofamiliares, de acordo ás que tamén poderán beneficiarse de bonificacións no prezo xeral do servizo. A praza poderá solicitarse ata o 31 de agosto, data a partir da que poderán seguir presentándose instancias, pero pasando automaticamente á lista de agarda no suposto de que xa estivesen adxudicadas todas as prazas dispoñibles.

O obxectivo é responder ás necesidades das familias derivadas das dificultades para poder conciliar a vida laboral e a familiar. M. Lavandeira