Acondicionados máis de dezoito quilómetros de camiños en Coristanco

Infraestruturas viarias
Manuel Lavandeira
O alcalde, Juan García, á dereita, e Gonzalo Trenor, segundo, con técnicos nunha das pistas acondicionadas. Foto: X.G.

Coristanco. O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Coristanco, Juan Carlos García, supervisaron este xoves as obras de mellora dos camiños acometidas na parroquia de Couso, que contaron cun investimento de case 200.000 euros, dos cales a metade 98.478,08 executáronse no ano 2021 e a outra metade executarase ao longo do 2022. A actuación afecta a un total de 18,2 quilómetros, dos cales 16,8 quedarán en saburra e 1,4 serán asfaltados.

Trenor agradeceu a colaboración do alcalde para levar a cabo este tipo de actuacións, o que “pon de manifesto a sintonía da administración autonómica e o concello para desenvolver os programas deseñados para alcanzar unha mellora da calidade de vida da poboación rural”.

Ademais, este tipo de obras permiten ao Concello de Coristanco seguir avanzando na súa folla de ruta para que o viario municipal se atope nas mellores condicións de uso. Isto “contribúe a construír un municipio máis transitable e habitable, máis cómodo e amable para circular tanto a pé como en vehículo. É por elo que se consideran estas obras tan necesarias, posto que supoñen unha importante optimización da seguridade viaria”, afirmou o delegado da Xunta.

Pola súa banda, o rexedor agradeceu a colaboración da Administración autonómica para poder conservar e manter en bo estado a importante rede de camiños municipais de Coristanco. M. l.