Acordo en Laxe para recuperar a finca coñecida como Campo do Escaravello

Política municipal
Manuel Lavandeira
Casa consistorial de Laxe. Foto: Concello de Laxe

Laxe A Corporación municipal de Laxe acordou en pleno, e por unanimidade, iniciar o expediente de recuperación posesoria e de requirimento de retirada de peche do terreo municipal sito en Montillóns, máis coñecido como o Campo do Escaravello.

O obxectivo é recuperar parte do terreo municipal no que persoas particulares colocaran un valado no mes de xullo dificultando o uso actual da parcela, que funciona como aparcamento público de vehículos na capital local.

O último informe técnico conclúe que existe documentación na que queda patente a utilización notoria, pública e continuada da finca en cuestión por parte do Concello como zona de estacionamento.

Ademais, o terreo que se quere recuperar desde a corporación está perfectamente definido e identificado en canto á súa realidade física nos informes técnicos municipais e títulos existentes no Rexistro da Propiedade e no inventario municipal.

Con carácter inmediato, o Concello de Laxe notificará este acordo ás persoas implicadas establecendo un prazo máximo de 72 horas para derrubar o peche, así como un prazo máximo de 10 días para presentar alegacións.

Na sesión tamén se aprobou a rectificación dos números incluídos no distrito 02, sección 001, Mesa A de Serantes, con motivo da corrección da numeración de Policía da Avenida Isidro Parga Pondal de Laxe e que comprenderá do 39 e do 68 en adiante, ambos inclusive. M. Lavandeira