Agrandarase a carballeira do futuro de Carballo cunha árbore por cada nacemento

Máis de cen familias participarán nunha plantación colectiva no polígono de Bértoa // É unha aposta pola sustentabilidade
Sustentabilidade
Manuel Lavandeira
Espazo reservado e preparado para acoller máis de cen novos carballos. Foto: C. de Carballo

O Concello de Carballo puxo en marcha no ano 2020 unha iniciativa encamiñada a implicar á cidadanía na Estratexia Carballo 2030, símbolo dun modelo urbano máis sustentable que servirá como locomotora de crecemento e desenvolvemento para o conxunto do territorio. Pero tamén para conseguir, ao mesmo tempo, garantir a supervivencia do Carballo de San Antón, a súa árbore senlleira, recollendo os seus “fillos”, plantándoos en macetas e coidándoos á espera de poder transplantalos para crear a carballeira do futuro no polígono empresarial de Bértoa.

A idea inicial de plantar unha árbore por cada bebé nado no 2020 viuse truncada polo coronavirus, polo que dende o Concello decidiron ampliar a iniciativa un ano máis. “Para a nosa alegría, a gran maioría das familias que se achegaron ás oficinas municipais para empadroar a un neno ou unha nena nos últimos dous anos optaron por levar os carballos (en macetas artesanais, unhas elaboradas en barro pola oleira carballesa Marilá e outras, en madeira polo artesán tamén carballés Fabián Lage) para plantalos pola súa conta”, afirman dende o goberno local, o que significa que ducias de exemplares da árbore que os identifica medrarán nos vindeiros anos en todas as parroquias.

Deste xeito, dos 397 nenos e nenas que naceron no municipio carballés entre os anos 2020 e 2021 quedaron anotados para participar na plantación colectiva un total de 139 o vindeiro sábado, día 19 de marzo.

Por distintos motivos, algunhas desas familias non poderán achegarse o sábado, pero son máis de cen as que teñen confirmada a súa asistencia a este acto de participación veciñal e de celebración do Día Mundial dos Bosques, tamén chamado Día Forestal Mundial ou Día da Árbore.

O obxectivo é seguir agrandando a carballeira do futuro que empezaron a crear o ano pasado coa colaboración de preto de cincuenta alumnos e alumnas do Horto Infantil Ecolóxico Municipal.

Dado que os novos carballeses e as novas carballesas son aínda bebés, a plantación realizarana as nais, pais, irmáns maiores ou avós. “Todas e todos serán benvidos ao acto”, sinalan dende o Concello carballés.

Cada carballo irá identificado co nome do neno ou da nena que o apadriña ou amadriña, a cuxas familias lles pedirán que sigan visitándoos e coidándoos ata que medren sans e fortes creando esa gran carballeira do futuro nun concello cada vez máis verde e sustentable.

Unha iniciativa que contribuirá a crear un Carballo máis verde e a reafirmar o que é o gran símbolo do municipio bergantiñán.

TEATRO. Por outra banda, o Pazo da Cultura acollerá hoxe, a partir das 21.00 horas, a representación de Celestina, la tragicomedia por parte da compañía sevillana Atalaya, que é un referente inequívoco do teatro en España. En 2008 obtivo o Premio Nacional de Teatro e con esta obra a obtivo un gran éxito dende a súa estrea, participando nun sen fin de festivais nacionais e internacionais.

A función está enmarcada na programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Está recomendada para un público a partir de catorce anos, e o prezo das entradas é de 4 euros, a xeral, e 3 euros no caso das persoas que teñen dereito ás bonificadas.