Ames quere restaurar a visión de Rosalía como unha muller feminista e comprometida

Conmemora o aniversario da poetisa co programa Rosalízate, que inclúe photocalll, obradoiros, gastronomía e viaxe literaria
Día de Rosalía
Sol Elvira
O alcalde e as concelleiras e concelleiro participantes na rolda de prensa. Foto: C. A.

O Concello de Ames súmase, un ano máis, á conmemoración do aniversario de Rosalía de Castro, que se celebra o xoves vinte e tres de febreiro, e faino cun amplo programa de actividades xa que, lembran, a poetisa tamén foi veciña da Tarroeira, na parroquia de Ortoño, durante unha etapa da súa infancia.

Así, o programa inclúe iniciativas que se estenderán durante varias semanas, e que pretenden revitalizar o pensamento e a figura da escritora e restaurar a visión de Rosalía como unha muller culta, feminista e comprometida con Galicia e coas súas clases populares, así como cos seus sinais de identidade.

Deste xeito, propóñense dez actividades: O xardín de Rosalía, do departamento de Bibliotecas, un photocall, a presentación dun libro, un obradoiro, un contacontos, unha viaxe literaria, unha exposición e unha gala de homenaxe á propia autora. Ademais, os locais de hostalería volveranse sumar este ano aos xa tradicionais Caldo de gloria e Café con verso.

No acto de presentación participaron o alcalde do Concello de Ames, Blas García; a concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín; a concelleira de Cultura, Natividade González; e o concelleiro de Turismo e Medio Ambiente, Manuel Lens.

A programación Rosalízate comezou este mesmo luns, 13 de febreiro, con dúas actividades. Dende entón, o photocall Rosalízate está instalado na Praza do Concello, en Bertamiráns, e diante do centro de saúde do Milladoiro. Asimesmo, comezou tamén O xardín de Rosalía, que organizan as bibliotecas municipais do concello de Ames.