Dende xuño, empregados do grupo empresarial uniranse a usuarios da entidade do Barbanza para retirar lixo mariño // O colectivo activou un proxecto formativo para potenciar con fins laborais o talento das persoas con discapacidade TEXTO S. S.

Amicos alíase con Vegalsa para limpar praias de Área este verán

Playas
Suso Souto
CONVENIO. Miguel Cancelas, usuario de Amicos, pola esquerda; Gabriela González e Ricardo Castro, de Vegalsa; e Xoán España, director xeral da asociación, na entrega do cheque por importe de 8.000 €. Foto: Amicos

Activismo no eido medioambiental e formación para avanzar na inserción laboral. Son os dous piares que sosteñen a intensa actividade que está a levar a cabo a asociación de persoas con discapacidade intelectual Amicos no Barbanza. E, para percorrer eses camiños, a entidade non está soa. Cada vez son máis as empresas que apoian as súas iniciativas a través dos seus programas de responsabilidade social corporativa.

A última firma en aliarse con Amicos é Vegalsa, ca que o colectivo firmou un convenio de colaboración para contribuír ás limpezas que se farán durante este verán (entre os meses de xuño e setembro) en varias praias de Área de Compostela.

A iniciativa enmárcase dentro do programa Re-Mar, un proxecto de custodia ambiental para a redución de residuos no espazo mariño protexido das Rías Baixas.

Esta colaboración pechouse no Palexco da Coruña, dentro da xornada RSE Diversxs. O resto é igual, organizada por Vegalsa-Eroski. Trátase do encontro anual de sensibilización social deste grupo empresarial, onde se poñen en valor o traballo das diferentes persoas que fan posible a Responsabilidade Social en Vegalsa-Eroski e o das entidades sociais coas que colaboran cada día.

Gabriela González, directora de Responsabilidad Social Empresarial (RSE) de Vegalsa, foi a encargada de firmar o convenio, e Ricardo Castro, xerente de área de Medio Ambiente do grupo, entregoulle a Xoán España, director xeral de Amicos, o cheque por importe de 8.000 euros para contribuír á financiación das actividades que se van organizar.

O equipo do grupo empresarial Vegalsa tamén participará na limpeza das praias xunto aos usuarios de dita entidade barbanzá.

EMPREGO PERSONALIZADO. Por outra banda, dende a área de Emprego de Amicos estanse a celebrar as II Xornadas de Emprego Personalizado, organizadas para facer fronte ás dificultades que se atopan as persoas con discapacidade á hora de acceder ó mercado laboral.

Neste caso trátase dun plan formativo financiado por Plena Inclusión e polo BBVA e que pon en valor o potencial e os talentos de todas as persoas con discapacidade, para poder facilitar a súa incorporación ó mercado laboral. Actualmente son once as persoas con discapacidade intelectual que participan no programa. Son seis mulleres e cinco homes dos concellos de Noia, Ribeira, Mazaricos, Boiro, Xeve (Pontevedra), Ames e Oroso.

O MOTOR DO CAMBIO. O director xeral de Amicos, Xoán España, dixo que “estamos moi agradecidos con todo o equipo de RSC de Vegalsa, xa que podemos seguir adiante co noso proxecto, no que a discapacidade se converte no motor de cambio para axudar á conservación do entorno natural e mariño”. Asimesmo, indicou que “xa levamos atendido a máis de 300 persoas dende a área de Emprego e este proxecto é unha suma máis. Suponnos un reto de transformación para as persoas con discapacidade. Temos que poñer encima da mesa o valor das persoas para que atopen un posto de traballo”.

“Queremos que os últimos sexan os primeiros e continuar sendo activistas do cambio”, expoñía finalmente o directivo da entidade.