Amigos da Terra formará a futuros profesionais da compostaxe en Carballo

Impartirá un curso gratuíto para persoas desempregadas do
3 ao 14 de outubro // Será o segundo que desenvolve en Galicia
Formación
Manuel Lavandeira
A mestría en compostaxe empeza a ser recoñecida no sector ambiental. Foto: Amigos da Terra

A ONG Amigos da Terra organizará un curso profesional de compostaxe en Carballo. Trátase dunha iniciativa, incluída no programa Empleaverde da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica, que conta co financiamento do Fondo Social Europeo e coa colaboración do Concello. O curso, que se desenvolverá do 3 ao 14 de outubro, é gratuíto e está destinado a persoas desempregadas.

A organización ecoloxista aposta pola creación de emprego para as persoas máis vulnerables con dificultades para acceder ao mercado laboral. A formación constará de 48 horas, divididas en oito módulos en liña e dezaseis de prácticas presenciais, ao longo das cales se abordará o ciclo completo de xestión da fracción orgánica dos residuos. O de Carballo será o segundo curso que se levará a cabo en Galicia.

O curso inclúe tamén dúas xornadas prácticas que permitirán coñecer o proceso de compostaxe nas plantas de Lousame e Santiago.

A titulación en Mestría en compostaxe, que empeza a ser xa recoñecida no sector ambiental de todo o Estado, supón unha alternativa real de emprego para as persoas en situación de especial vulnerabilidade, tales como mulleres, persoas de entre 35 e 45 anos, residentes en zonas rurais, migrantes e persoas con diversidade funcional, entre outros colectivos.