MAZARICOS. Fundada en 2008, produce forraxes para alimentar as reses dos oito socios da agrupación // Recibiu 70.000 euros ao abeiro das axudas autonómicas para a transformación e comercialización de produtos agrarios TEXTO M. Lavandeira

Apoio á valorización da actividade da cooperativa gandeira Forxabar

Agrogandeiría
Manuel Lavandeira
Socios da coooperativa Forraxes de Xallas e Barcala, con sede en Mazaricos, co director xeral de Gandaría durante a visita ás súas instalacións. Foto: X. G.

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, visitou este venres as instalacións de Forxabar, da cooperativa Forraxes de Xallas e Barcala, que foi unha das beneficiarias das axudas para a transformación e a comercialización de produtos agrarios. Neste senso, nos últimos cinco anos, esta empresa coruñesa recibiu máis de 160.000 euros destas axudas, sendo a última achega concedida de máis de 70.000 euros na convocatoria de 2022.

A cooperativa Forxabar, fundada en 2008, é unha sociedade adicada á produción de forraxes para a alimentación dos máis de 2.700 animais dos oito socios da entidade.

Así mesmo, o director xeral indicou que o 33 % do orzamento foi asignado a empresas da provincia da Coruña, só por detrás de Lugo, que aglutinou case a metade dos beneficiarios. Así, seguiríanlles Pontevedra e Ourense cun 10 % do orzamento asignado cada unha. Por sectores, os máis beneficiados foron o lácteo, con case a metade do orzamento, seguido polo cárnico (25 %), a alimentación animal (9 %) e outro sectores (mel, aceite, ovos, castañas, froitas, hortalizas, etc.).

Con respecto á distribución no territorio, a maior parte das axudas (87 %) destínanse a proxectos en zonas de montaña ou con baixa densidade de poboación. Ademais, a maioría do orzamento destínase a proxectos promovidos por produtores agrarios ou por empresas participadas por estes (57 %).

PLURIANAUIS. Estas achegas teñen carácter plurianual para facilitar a execución de proxectos de gran investimento e cobren actuacións como a construción, adquisición e mellora de bens inmobles, así como a compra de terreos ata un valor inferior ao 10 % dos gastos subvencionables. Tamén serven para sufragar a compra de maquinaria e equipamentos, a adquisición de programas informáticos e de patentes ou licenzas relacionadas cos procesos produtivos.

O fin último destas achegas, indicou o director xeral, é crear novas industrias agroalimentarias ou mellorar as xa existentes. De feito, no vindeiro período 2023-2027 da PAC está previsto o mantemento das axudas ás industrias agroalimentarias, co fin de fortalecer o peso do sector industrial no agro galego.

Así, a orde busca incentivar os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios. No caso das subvencións, consisten en axudas para a execución deses proxectos, mentres as garantías para préstamos son garantías do 80% do risco inherente a cada empréstito formalizado destinado a financiar os investimentos.

Cabe lembrar que, como novidade, a convocatoria deste 2022 apoiaba as asociacións de produtores que se unisen para levar a cabo investimentos en común. Así, concedíaselles a máxima puntuación no apartado de beneficio a produtores dos criterios de valoración ás cooperativas agrarias galegas ou ás sociedades participadas maioritariamente (máis do 50 %) por cooperativas agrarias galegas ou por asociacións e organizacións de produtores da nosa comunidade.