Axudas. A Deputación da Coruña destinará 1,5 millóns de euros para financiar os programas, servizos e investimentos de 148 colectivos // Desenvolverán plans de rehabilitación e inclusión de persoas con diversidade e adiccións TEXTO M. Lavandeira

Apoio ás entidades sociais para reforzar o benestar na provincia

Servizos Sociais
Manuel Lavandeira
Visita do presidente e a deputada de Benestar Social ó centro de Amicos en Boiro, unha das entidades que apoia a Deputación. Foto: Deputación Coruña

A Deputación da Coruña destina este ano 1,5 millóns de euros a 148 entidades sociais da provincia para o mantemento dos seus centros, programas e servizos, así como para dar apoio a investimentos e iniciativas.

A través do plan para o mantemento de programas e servizos sociais concedéronse, de xeito provisional, 73 subvencións a entidades, que suman un orzamento de 793.903,22 euros. As axudas van desde os 320 ata os 24.000 euros e financian, entre outros, programas de rehabilitación para persoas con diversidade funcional, de terapia con cans para o fomento de inclusión na infancia ou de rehabilitación para persoas con parálise cerebral.

Doce das referidas subvencións serán para asociacións do ámbito territorial de Área de Compostela.

Entre as beneficiarias figuran Aloumiños Asociación de Persoas con Necesidades Específicas da Costa da Morte, que desenvolverá programas de terapia asistida con cans para o fomento da inclusión na infancia; Asociación Antidroga Renacer, de Ribeira, que impulsará programas de tratamento terapéutico, inserción social e de información e asesoramento; e Asociación Antidroga Vieiro, de Carballo, que promove programas de apoio ás familias e para a prevención no colectivo de menores e mocidade, en colaboración cos centros de atención a persoas con drogodependencias.

Tamén recibirán axudas a Asociación Paseniño, de Cee, para desenvolver terapias de rehabilitación; Asociación de Pais de Minusválidos Psíquicos Santa María da Cabeza, de Teo, para programas de rehabilitación; Adibismur, de Muros, para un programa de rehabilitación; Asociación de Familiares e Enfermos de Alzheimer de Bergantiños, que desenvolve programas de rehabilitación física e cognitiva para persoas con demencia; Asociación de Padres de Niños Deficientes das comarcas de Xallas-Cee, para un tratamento rehabilitador de podoloxía; Asociación de Persoas con Discapacidade e Apoio á Integración das comarcas de Arzúa e Terra de Melide, para un programa de rehabilitación física e cognitiva; Faiben, que desenvolverá un programa de acompañamento na área de Barbanza; e Misela, da comarca de Noia-Muros, que se centra na atención especializada a persoas con discapacidade.

Por outra banda, no programa para dar apoio a investimentos concedéronse provisionalmente 75 axudas, das que 3 están condicionadas á presentación de documentación a maiores, e que suman un orzamento de 698.285,85 euros.

Estas subvencións van desde os 426 ata os 33.000 € e abarcan proxectos como a reparación da cuberta do centro de día de Amicos en Boiro, o traslado do centro de atención de día integral ARELA a un baixo accesible ou a adquisición de material informático para diferentes centros.

Ao abeiro deste programa concedéronse 11 axudas a colectivos da zona: Amicos, de Barbanza; Asociación Ambar, de Ribeira; Vieiro, de Carballo; Santa María da Cabeza, de Teo; Adibismur, de Muros; Asociación de Pais de Discapacitados Psíquicos de Bergantiños; A Creba, de Noia; Íntegro, da Costa da Morte; Asociación de Padres de Niños Deficientes de Xallas-Cee e a Asociación de Persoas con Discapacidade de Arzúa e Terra de Melide.