PROGRAMAS. Dezaoito entidades do ámbito de Área están entre as 89 beneficiarias das subvencións da Deputación da Coruña // Repartirá 722.000 € para financiar actividades, investimentos e accións de promoción de produtos TEXTO M. Lavandeira

Apoio ó labor de colectivos que axudan a dinamizar a economía

Subvencións
Manuel Lavandeira
Vimianzo. A Asociación de Palilleiras As Nemanquiñas de Vimianzo recibirá unha axuda para a xuntanza que organizan cada ano. Foto: J. M. R.

A Deputación da Coruña vén de publicar as resolucións das dúas liñas de subvencións dirixidas a entidades para actividades e investimentos de promoción económica neste ano 2022. En total, outorgará 89 axudas, que suman 722.275,81 euros, das cales 18 serán para colectivos de Área de Compostela.

A liña para a realización de actividades suma un investimento de 441.360,33 euros, e son 65 as entidades beneficiarias. Dedicarán as axudas a financiar os custos de organización de campañas, congresos, exposicións, talleres, xornadas, estudos e seminarios; festas de recoñecido interese turístico e feiras de artesanía e exaltación de produtos típicos da zona; iniciativas de difusión e animación do comercio local; e apoio ás liñas de comercialización e promoción dos produtos de calidade. Ademais, este ano, como principal novidade, incorporáronse os soldos, salarios e Seguridade Social do persoal traballador.

Nesta liña, foron 12 os colectivos beneficiarios no ámbito de Área de Compostela. Así, teñen concedidas axudas a Asociación Centro Comercial Aberto, de Carballo (8.000 €) para actividades do segundo semestre; a Asociación de Comerciantes e Empresarios Acordes, de Ordes (7.000 €) para talleres de promoción económica e actividades promocionais na Festa do Champiñón; a Asociación Costa da Morte GDR (2703,69 €) para o proxecto Ecocomedores-Km; a Asociación de Comerciantes de Bertamiráns (7.000 €) para actividades promocionais; a Asociación de Comerciantes e Profesionais Noia Histórica (8.000 €) para dinamización económica; a Asociación de Empresarios, Comerciantes e Traballadores Autónomos de Ribeira (8.000 €) para actividades de desenvolvemento económico; a Asociación de Empresarios Terra de Melide (8.000 €) para o deseño, edición e distribución do xornal Cerne; a Asociación de Palilleiras As Nemanquiñas, de Vimianzo (4.500 €) para a Xuntanza de Palilleiras; a Asociación de Empresarios de Santa Comba (7.000 €) para formación e campañas de promoción do comercio e a hostalería; a Asociación Terras de Compostela (7.500 €) para a formación do Plan Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destino; a AAVV San Pedro Parroquia de Xallas (4.800 €), de Negreira, para cursos de plantación e manexo de masas froiteiras e castiñeiro; e a Asociación Boirense de Empresarios e Autónomos (8.000 €, axuda condicionada á corrección do orzamento achegado) para actividades de promoción do comercio local.

Pola súa banda, na liña de investimentos para a promoción económica son seis os colectivos beneficiarios. A Asociación Cultural da Filloa, de Boqueixón, recibirá 23.250 € para a mecanización da máquina de filloas; a Asociación de Redeiras O Fieital de Malpica, 4.320 € para o equipamento dunha oficina; a Asociación de Usuarios Augas Lugares de Berroge y El Puente, de Brens (Cee), 4.332 € para o mantemento da rede de abastecemento; a AAVV Sra. do Viso de Dombodán, de Arzúa, 5.040 € para equipamentos; a AAVV O Valadiño de Outes, 9.563 € para a mellora do camiño da Casa do Cuco á fonte; e a AAVV Teleclub de Liñaio, de Negreira, 16.051,59 € para a rehabilitación do hórreo da contorna da igrexa de San Martiño.