Emprego. En outubro comezará o sétimo obradoiro que permitirá a vinte persoas especializarse en atención sociosanitaria e en pintura industrial // Outras tantas xa recibiron a titulación en conservación de montes e carpintería TEXTO Manuel Lavandeira

Aposta continuada na Laracha para formar máis profesionais

Formación
Manuel Lavandeira
Un dos vinte alumnos-traballadores que participaron no sexto obradoiro recollendo o seu título. Foto: Xunta

A aposta pola formación e o emprego no municipio larachés continúa. Este mércores clausurouse o obradoiro dual, que terá a súa continuidade na nova convocatoria 2021- 2022 con outra actividade denominada A Laracha VII, que iniciará a súa andaina o próximo 15 de outubro, con data de remate prevista o 14 de xullo de 2022, segundo confirmou a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, que presidiu, xunto co alcalde, José Manuel López, o acto de clausura e entrega de diplomas.

Co novo obradoiro garantirase formación e a posible contratación de vinte persoas que se especializarán en atención sociosanitaria a dependentes en institucións sociais e en pintura industrial en construción. Entre outras actuacións, o desenvolvemento desta actividade permitirá mellorar a pintura dos centros socioculturais de Lestón en As Rañeiras e de Golmar en Lamas. Tamén se mellorarán a cuberta das gradas do campo de fútbol de Paiosaco, depósitos de auga en Caión e as fachadas do antiguo matadoiro. O alumnado de atención sociosanitaria, pola súa banda, colaborará coas institucións sociais do Consorcio Galego de Igualdade dos concellos da Laracha e Arteixo.

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, remarcou o “impacto positivo” que os obradoiros de emprego teñen tanto en capacitación como para a vida da veciñanza. Fíxoo na clausura do taller A Laracha VI desenvolvido por este concello e que formou a 20 persoas nas especialidades de actividades auxiliares de conservación e mellora de montes e de carpintería de moble. E alí enxalzou os obradoiros duais impulsados pola Xunta como “unha formación de calidade, cun impacto positivo non só en termos de capacitación para o emprego, senón tamén de mellora dos espazos de uso común para os veciños e veciñas”.

O obradoiro que concluíu este mércores contou coa inxección de 346.946 euros da Xunta. Grazas as tarefas desenvolvidas polas persoas, alumnas-traballadoras, acometéronse melloras no paseo fluvial e a área recreativa de Gabenlle, no parque empresarial, e tamén nunha parcela en Golmar-Soutullo.

Durante nove meses, as alumnas e alumnos “formaron parte dunha cadea de valor”, desde actividades de poda e mantemento ata a restauración de mobiliario en espazos verdes, especificou Lorenzana, quen subliñou o caráter inclusivo da formación, na que as mulleres tiveron unha presenza significativa, especialmente no módulo de carpintaría que contou con 7 mulleres das 10 prazas ofertadas. “Un bo indicador de que as mulleres están gañando terreo e conseguindo ter presenza nun sector como o da madeira, tradicionalmente masculinizado”, resaltou a titular de Emprego.

Despois de se preparar, os 20 alumnos poden acceder ao correspondente certificado de profesionalidade. Ademais, co fin de promover a inserción laboral das persoas participantes no obradoiro, a Xunta prevé incentivos para que as empresas do sector contraten a estas persoas, durante un mínimo de tres meses a xornada completa. “Ábrese así unha porta ao emprego ao tempo que se posibilita a mellora das condicións de vida da contorna”, concluíu.