Aposta pola valorización e conservación dos pombais de pazos e casas señoriais

Trinta e tres deles foron estudados e catalogados polo muxián Arxires Mouzo // Só uns poucos seguen ocupados polas pombas e moitos atópanse deteriorados
Patrimonio
Jose Manuel Ramos
O alcalde de Muxía, Iago Toba, terceiro esquerda, con Arxires e outras asistentes á presentación

“Capilla, palomar y ciprés, pazo es”. Así reza un dito popular que inclúe como elemento destacado das antigas casas señoriais aos pombais, unhas construcións que, co paso do tempo, foron caendo no esquecemento. Afortunadamente, algúns (os menos) aínda dan cobixo ás pombas e conservánse en bo estado, pero outros moitos perdéronse para sempre ou están a esmorecer entre silvas e hedras que os engulen.

Na Costa da Morte, terra de pazos e casas grandes, aínda se conservan un bo número deles. O muxián Arxires Mouzo vén de estudar e catalogar trinta e tres pombais nos concellos de Muxía, Camariñas e Vimianzo. Unha labor que levou a cabo nos últimos meses con motivo dun traballo desenvolvido no marco dun obradoiro de emprego dual.

Baixo o lema Coñece o teu concello, “tiñamos que estudar o patrimonio dos nosos municipios e vín que os compañeiros se centraban nos cabazos, cruceiros, eiras, fontes e lavadoiros, pero ningún reparou nos pombais e eu, como tiña un fronte a miña casa, decidín afondar nestas construcións”, afirma Arxires. E así foi como comezou a recopilar información, a través de consultas á universidade e libros, como o de Clodio González, quen no ano 1975 fixera un estudo sobre os pombais de Galicia.

“Curiosamente en Muxía só recollía dous, e eu xa sabía alomenos de tres, polo que foime picando a curiosidade e comezei a tirar do fío, de xeito que un foime levando ata outro”, engade.

Durante varios meses, polas tardes, collía unha libreta e un metro, e saía co coche na busca de novos pombais. Co apoio dos veciños e veciñas dos tres concellos, pouco a pouco, foille dando forma ao Catálogo de pombais na Costa da Morte, que inclúe fichas detalladas de cada un dos trinta e tres estudados, con información sobre o seu estado, tipo de construción, xeolocalización e fotografías, entre outros datos. Un estudo que vén de presentar a pasada semana nun acto en Muxía, e que agora o Concello da vila da Barca estudará a forma para poder publicalo.

Máis aló do estudo, Arxires Mouzo quere que o seu traballo sirva para evitar que se perdan estes pombais e que se transmita ás novas xeracións e á poboación en xeral cales eran as súas características e utilidades, de xeito que non se esquezan unhas construcións que forman parte do patrimonio destas comarcas.

Considera que “para manter esto vivo hai que facer unha labor educativa nas escolas”. Unha divulgación que, no caso de Muxía, tamén pretenden levar a cabo a través da Ruta dos Pombais, un itinerario duns oito quilómetros que deseñou o propio Arxires coa colaboración do técnico municipal de Deportes, Diego Castiñeira. Un dos epicentros será o o pombal do mosteiro de Moraime.

O obxectivo é organizar tamén visitas guiadas a varios pombais para que os participantes poidan coñecer de primeira man como son por dentro. “Levei a varios dos meus compañeiros de obradoiro a algúns e quedaron marabillados ao acceder ao interior. Son construcións cun grande illamento térmico e acústico, nos que se respira paz”, afirma Arxires.

Outro dos aspectos que, na opinión do autor do catálogo, é fundamentel é “darlle a este patrimonio unha protección que sexa real e efectiva”, incentivando ademais a través de subvencións a reconstrución e o mantemento para evitar que se perdan. “Hai propietarios que me manifestaron o seu interese por conservalos pero non saben como proceder”, sinala Arxires Mouzo, quen asegura que el “mesmo está disposto a adoptar un pombal se me deixan trasladalo á unha finca miña para que despois a xente o poida vir a visitar”.