Arranca en Vimianzo a viaxe da maleta contra a violencia de xénero

Porta libros e un diario para promover a reflexión e sensibilizar á sociedade // Recorrerá a provincia da Coruña para avanzar polo camiño cara á igualdade
Igualdade
José M. Ramos
Xiomara Lazo, á esquerda, María José Pose, María Rivas, Mónica Rodríguez e María Isabel Álvarez, en Vimianzo. Foto: J. M.

Mavi, a maleta viaxeira contra a violencia de xénero, comezou en Vimianzo un percorrido que a levará por toda a provincia da Coruña con dez libros que abordan temas como o feminismo, a igualdade, a violencia machista, o empoderamento das mulleres e a autoestima.

“Son textos que promoven a reflexión, a sensibilización e a concienciación sobre temas determinantes para conseguir unha sociedade máis igualitaria e libre de violencias, favorecendo un pensamento crítico ante os estereotipos e roles de xénero que perpetúan estas violencias e desigualdade”, afirmou a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, no acto de presentación da iniciativa promovida pola Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación no marco do programa de actividades ao redor do 25 de novembro.

Durante a súa estancia en Vimianzo, Mavi viaxará polas escolas unitarias de Carnés, Carantoña e Castromil, nas que se desenvolverán obradoiros infantís de igualdade, a través de contacontos e debuxos. Despois, a maleta chegará a casas de acollida, centros de información á muller, centros penitenciarios e asociacións de mulleres, “e estará a disposición de todos os concellos da provincia que a demanden”, indicou Rivas.

A subdelegada estivo acompañada pola alcaldesa, Mónica Rodríguez, quen manifestou a súa esperanza de que este itinerario de Mavi “sexa o inicio para acurtar as desigualdades que, desgraciadamente, aínda existen”.

RECURSO. No acto tamén participaron a xefa da Unidade contra a Violencia sobre as Mulleres na provincia da Coruña, María Isabel Álvarez; a axente municipal de Igualdade, Xiomara Lazo; e a concelleira de Benestar Social, Igualdade, Ensino e Mocidade, María José Pose, quen asegurou que “este é un recurso moi interesante, e que se achegue ao rural vainos facilitar o traballo que vimos facendo a diario contra a violencia de xénero”.