MOSTRAS. Antonio Pérez exhibe en Ribeira cincuenta cadros de temática mariñeira // Boiro reúne fotos de Eduardo Estévez e Bernardino González e pinturas de Rita Sánchez sobre a actividade marisqueira // Asier Martís amosa na Pobra trinta óleos sobre xentes, paisaxes e tradicións da localidade TEXTO S. Souto

Arte co mar de fondo en Barbanza

Exposicións
Suso Souto
boiro. Asistentes á mostra Mariscando, no centro social de Cabo de Cruz, formada por fotos de Eduardo Estévez e Bernardino González e pinturas de Rita Sánchez. Foto: C. B.

Os concellos da comarca do Barbanza artellaron este ano unha atractiva programación cultural que vai moito máis alá dos espectáculos. Son varias as exposicións que están a atraer tamén a un gran número de visitantes, e tres delas teñen o mar como telón de fondo.

En Ribeira, o pintor local Antonio Pérez exhibe no centro cultural Lustres Rivas cincuenta das súas creacións de temática mariñeira a través da exposición Ribeira: mulleres, homes e peixes. O artista explica que a preparación desta proposta foi longa. “En realidade, toda a vida, pois todo canto fago vai dar ó mesmo sitio: ós recordos e experiencias que tiven nos cinco anos que pasei traballando no mar”, sinala Antonio Pérez, quen vai doar ó Concello unha das súas obras máis importantes: Rapeteiros na Secada. As súas creacións poden contemplarse ata o tres de setembro, de 10.00 a 14.00 e de 19.00 a 21.00, e os sábados de 11.00 a 14.00 horas. A entrada é gratuíta.

En Boiro, o centro social de Cabo de Cruz acolle este mes de agosto a mostra pictórica e fotográfica Mariscando, con imaxes de Eduardo Estévez e Bernardino González e pinturas de Rita Sánchez Dosil.

Trátase dunha trintena de cadros e fotografías de paisaxes da marxe norte da ría de Arousa, entre Escarabote e Abanqueiro, que reflexan todas as tarefas do marisqueo (rastrexar, escoller e limpar o marisco, a súa venda...) e tamén os medios e ferramentas que se empregan para desenvolver estes traballos. Con esta mostra, que se pode visitar ata finais de agosto, os autores pretenden quitarlle ao marisqueo “o estigma de profesión miserable e demostrar que pode estar á altura de outros sectores produtivos”, sinalan.

E na Pobra do Caramiñal, a casa da cultura Raquel Fernández Soler acolle a exposición pictórica Raíces e augarrás, de Asier Martís García-Echave, que, a través de trinta cadros, entre os que predominan os retratos, as paisaxes e as tradicións ó óleo, rende homenaxe á localidade pola proximidade e agarimo que sempre lle trasladou a súa xente, ó non ser galego de nacenza, se ben é certo que ten un vínculo sanguíneo con esta terra. Por iso, decidiu mesturar con esta proposta a súa orixe, as súas raíces, coa arte.

A concelleira de Cultura, Patricia Lojo, expresou o seu agradecemento por estas obras nas que son protagonistas lugares emblemáticos da vila, como, por exemplo, a escultura da Pescantina do Paseo do Areal. Tamén augurou que “esta exhibición incrementará a boa estima que o artista ten pola xente da Pobra e sentirá máis a súa calor”. As visitas poden efectuarse ata finais de mes, de luns a venres, en horario de 11.00 a 13.30 e de 19.00 a 21.00 horas.

Por outra banda, a Casa Mariñeira da Pobra acolle durante o presente mes unha exposición de labores de punto de cruz elaborados ó longo dunha década por María Jesús Martís Mariño, xa falecida. Consta de máis dunha decena de pezas, entre cadros e mantelería, con temática variada (imaxes relixiosas, bodegóns, paisaxes, etc.). Pode verse de luns a venres, de 09.30 a 14.00 e de 18.15 a 20.15 horas, e os sábados, en horario de 10.00 a 15.00 horas.

delegribeira@elcorreogallego.es